Agreden o Centro social A Revira con pintadas neo-fascistas

Imaxes: A Revira

O local que A Revira ten en Pontevedra amenceu esta fin de semana con pintadas en que se podía ler "Galicia es España".

 

A voz de alarma deuna a veciñanza do casco vello de Pontevedra que alertou ao Centro social das pintadas que un grupo de neo-nazis estaban a facer na fachada do local. Con spray de cor laranxa un grupo de mozos de estética neo-fascista tinguiu o cartaz que sinala a entrada á Revira ao tempo que colaron auto-colantes propagandísticos nas fiestras do centro.

Neste senso, as pareces do centro social ficaron cubertas de lemas en que se podía ler "Galicia es España" e "fuera separatistas". Segundo indican desde A Revira esta non é a primeira ocasión en que o local social é obxecto deste tipo de agresións mais si o son, denuncian, as desenvolvidas na morada dunha das súas militantes, agredida co mesmo material e simboloxía que o centro social. 

Desde a A Revira aseguran que seguirán a desenvolver o seu traballo malia os ataques sufridos para "contribuír", din, "desde a comarca" ao "proceso de construción nacional de Galiza" e a prol do medio ambiente, os dereitos das mulleres e os valores solidarios e internacionalistas.