A Agra agarda pola xente para mudar o bairro

Nacho, Susana e Jorge, impulsores do proxecto, esta quinta feira no Ágora coruñés

​O programa de participación veciñal Particip-Agra botou andar esta quinta feira na Coruña cunha presentación en familia no Ágora e coa pretensión de obter resultados concretos que non obtiveron anteriores intervencións socias de carácter participativo no bairro. A diagnose repítese, a boa vontade mantense, o Concello volve a estar a favor, máis o público inda non aparece. O convite a cambiar as cousas desde abaixo agarda resposta.  

Hai un ano esta mesma sala do Centro Ágora, o espazo branco da innovación política na Coruña -unha sala chea de mozas e mozos explorando camiños de inclusión social a través da participación no público, xa que os camiños laborais polos que o sistema integrara os pais están todos pechados- viviu un momento de desborde despois de que Antonio Lafuente, un experto en crear situacións para o diálogo entre a rúa e a Administración, alentara á “in-disciplinariedade” como primeira norma do CoLab, aquel foro inspirado en experiencias de autoxestión consentida noutras capitais rebeldes antes de que tornaran rebeldes. Daquel CoLab que se quería insubmiso non quedan hoxe nin os ecos de Lafuente citando a Braidotti, Haraway, Stengers… nin aparece por ningures a identidade das que sofren nin os corpos “dos subalternos no espazo público”. 

 

O CoLab, condensado no que pode ser e non no que se deixara albiscar hai un ano, redúcese esta quinta feira na presentación do programa Particip-Agra -un dos seis aos que veu a parar a cousa, 10.000 euros para axitar a participación durante catro meses- a quince activistas que ben poden amontoarse nunha praza de aparcadoiro dun coche para denunciar con boa vontade as estreiteces de vivir neste bairro.

 

A metáfora da praza de aparcadoiro está no limiar do programa. A Agra do Orzán é habitada por unhas 19.000 veciñas e veciños que apenas dispoñen dun 7% de espazos abertos no cuadrángulo comprendido entre as dúas Rondas e as rúas Fisterra e Peruleiro. E se quixeran, todas de vez, espallarse no público, deberían acomodarse en montóns de quince en quince no lugar que ocupa un coche.

 

É unha metáfora nova na análise. Na última década houbo outros arquitectos, urbanistas, sociólogos, antropólogos, e veciñas e veciños en xeral interesados en mirar o bairro e explicalo en planos, cartografías, estatísticas e distintas metáforas. Os dous proxectos máis recoñecidos foron o estudio que realizou A Cidade dos Bairros e o plan con financiamento europeo Agra Civis. Deles beben agora Nacho e Jorge Hortas, un arquitecto e un sociólogo formados na Coruña, que contan coa experta en participación Susana Castro e o apoio do departamento de Claudia Delso. Nacho xa fixera parte do proxecto A Cidade… que no 2010 elaborou un informe completo sobre as posibilidades de intervención urbanística con vocación de mellorar a vida cotiá dos residentes. Daquela xa identificaran os patios interiores dos polígonos de vivendas como lugares susceptibles de aproveitamento. 

 

Nalgúns casos os patios, explica Nacho durante a presentación, ofrecen máis horas de sol que a maioría das rúas do bairro. Esta é outra singularidade da análise, o sol. “Hai rúas na Agra en sombra permanente todo o ano que ben servirían para aparcar os coches”, anota Jorge. Na praza das Conchiñas, por exemplo, o sol dá deseguido na parte contraria á que é completamente peonil. Un erro de planificación sobre outro erro: a impermeabilización do solo, que sinala Nacho. “Mesmo hai cidades que se afunden por falta de auga. E coa solución que se lle deu á praza, o que se fixo foi impermeabilizar inda máis o barrio”.

 

Nacho e Jorge gañaron un concurso para poñer en marcha un programa que consiste en facer unha pescuda na procura de lugares onde a veciñanza poida gozar da rúa dentro da Agra do Orzán, o bairro con maior densidade de poboación do país e no que a superficie construída en altura é dúas veces e media superior á do chan do bairro. Outra metáfora ao cesto. Por agora, e polo visto na presentación, o Particip-Agra ten máis de análise urbana que de plan sociolóxico. Isto é, bebe menos do outro proxecto desenvolvido hai anos no bairro, o Agra Civis, que identificara un espazo máis amplo sentido como bairro pola veciñanza e establecera relacións que serviron de base para o deseño do futuro distritos polos que aposta a Marea Atlántica. 

 

“O programa avanzará cara á participación no roteiro que desenvolveremos desde este sábado”, conta Jorge diante dun café o día da presentación. O roteiro, que parte do mercado das Conchiñas ás 11.30 do sábado 4 de novembro, levará veciñas e veciños por rúas, prazas e parques como o do Observatorio, demanda histórica case eterna que, avanza Nacho, tampouco se vai resolver agora. “Desgrazadamente, hai cuestións legais que obrigan á construción de novos edificios. O que se podería facer é tratar de que esas construcións non pechen os accesos naturais á zona de lecer. Porque está previsto que se levante un edificio xusto na parte que toca coa prolongación da rúa Barcelona. Queremos contarlle iso á veciñanza, e que opinen”.

 

Tampouco se concretará desta unha intervención xeral nos patios dos edificios. “Hai problemas legais e o Concello tería que actuar despois de resolvelos, esixe tempo”, di Jorge. Quedan outras opcións para que o Particip-Agra non remate nun plan sen aplicación. Están os baixos de edificios e os solares (dous) sen ocupación. Este mes, o día 11 e o 25, haberá talleres abertos á veciñanza no Ágora para que a xente discuta que se pode facer aí… ou noutros espazos por descubrir. “O importante é contar coa opinión da xente”, insiste Jorge, que explica outros proxectos que tirou adiante a sociedade que forman Qiteria, a consultora de investigación social da que fai parte en Madrid, e Estudio 04, o estudio de Nacho. Traballaron en Vigo nunha guía para conformar cooperativas cidadás (Cooperland) e en Madrid participaron dun programa de alfabetización de empregadas do fogar inmigrantes. “Trátase tamén de darlle forma ao CoLab, que a xente vexa para que serve un laboratorio cidadán”, di Jorge, que leva mes e pico falando e escoitando asociacións veciñais, organizacións que traballan con inmigrantes e persoas empobrecidas no bairro. “É un bairro denso, na edificación pero tamén no social. Fixemos un estudo amplo, estivemos xa presentes nun par de actos, temos desenvolvido moito traballo na Rede… comezan a coñecernos, e case sempre reclaman o mesmo, que o traballo teña un resultado concreto”. E Jorge deixa anotado cal sería a súa aposta: unha peonalización completa do bairro… a longo prazo. Na presentación, Nacho apunta un remate posíbel. Xa que non se poderá cos patios nin co parque do Observatorio completo, no mínimo peonalizar tres ou catro rúas máis, na vertical da rúa Barcelona e un par delas paralelas. O obxectivo, desconxestionar esa praza de aparcadoiro cargada con 15 veciñas e veciñas, a poder ser en área soleada.

 

 

Nota: as fotografías que van inseridas no meio do texto, da autoría de E.D., son (1) Nacho Hortas, durante a presentación do proxecto esta quinta feira no Ágora; (2). Jorge Hortas, de ParticipAgra.