Agora, anovar a USC, facer país
"Vexo a Universidade de Sant-Iago convertida en cerebro de Galiza, irradiando cultura e saber máis alá dos lindeiros naturais da nosa Terra". Con esta visión, Castelao expresaba o que debía ser a Universidade: a cerna dinamizadora do país e unha guía do coñecemento. A USC atópase hoxe nun momento decisivo para reforzar esas funcións de defensa da igualdade, da ciencia, da formación de calidade e da lingua.
Este non é un momento calquera. No contexto global cuestiónase o cerne mesmo da universidade. O pensamento científico e crítico, a liberdade de expresión son cuestionadas con insistencia. É tamén un tempo complexo pola conversión do ensino superior nun mercado no que fondos internacionais e internos apostan por chiringuitos universitarios privados sen calidade. En Galiza é o tempo de defender a universidade pública con mudanzas nun sistema universitario galego no que xa está sentada a universidade privada de Abanca na mesa de decisión por onde pasa o financiamento ou o mapa das titulacións.
Gobernar a USC vai requirir dun pulso firme, ambición de mellora e dun forte compromiso comunitario. De ideas e vontade de transformación para ofrecer á cidadanía galega unha formación e investigación que constrúa unha sociedade máis próspera, democrática e xusta.
É o momento de anovar a universidade para facer unha aposta de títulos que formen as profesionais que farán a Galiza do mañá
Temos a oportunidade histórica de fortalecer o ensino público, modernizar a xestión e reducir a burocracia, coidando do noso persoal e do noso estudantado. Presentamos un programa rigoroso e viable, construído desde a responsabilidade e co compromiso de atender as necesidades deste país.
As persoas que integramos esta candidatura vimos de abaixo, dunha tradición que nace do traballo nas aulas, na investigación, nos colectivos sociais e na representación sindical. Un traballo colectivo guiado por fíos trans-
versais como a participación democrática, o feminismo, a integración na contorna, a equidade e a sustentabilidade. Esa é a nosa maneira de traballar con honestidade e en beneficio
da sociedade.
Autonomía universitaria
Cremos que é o momento de anovar a universidade para facer unha aposta de títulos que formen as profesionais que farán a Galiza do mañá nese contexto de competencia coas privadas. Cómpre recuperar o valor da docencia presencial coa participación do estudantado, mellorando métodos e contidos. O noso colectivo defendeu no Claustro a loita contra a precariedade laboral no PDI por unhas condicións laborais e atraso de idade na entrada que ameaza a remuda xeracional. Para avanzar nesa dirección, consideramos fundamental contar co colectivo do PTXAS, modernizando a administración e reducindo a burocracia, facilitando o traballo do conxunto da comunidade universitaria.
A nosa candidatura é tamén garante de avances reais na normalización lingüística. Desde o acompañamento ao profesorado e ao estudantado que comece a empregalo, con compromisos de grupos en galego de todas as materias, con prazos e obxectivos.
A defensa da igualdade vén de lonxe. Presentamos iniciativas porque a vivenda constitúe hoxe o principal factor de desigualdade no acceso á universidade. Logramos co noso traballo, no Consello de Goberno, cambios como o acceso por renda ás residencias, mais cómpre unha política decidida para incrementar prazas de aloxamento esixindo da Xunta un compromiso financeiro para abrir residencias pechadas ou infrautilizadas dos campus de Santiago e Lugo. Termos campus vivos require tamén boas instalacións deportivas e lugares de encontro para o lecer.
Aledámonos de ter xerado un debate de ideas nunha campaña que se pretendía de ton baixo e personalista: da vivenda á simplificación, do coidado das persoas á precariedade. Somos aínda a única candidatura que vai máis alá da retórica na defensa da autonomía universitaria e do papel que temos que xogar na relación coas institucións que nos regulan e financian para limitar o papel dos chiringuitos privados, para defender as nosas titulacións e para un financiamento estrutural estable que nos permita seguir achegando coñecemento ao país. A diferenza é clara, toca escoller entre o retroceso a momentos que a comunidade universitaria pechou con decisión, un continuísmo en declive ou a renovación. Non abonda con enunciar cifras ou slogans, cómpre un novo impulso con ideas, medidas e vontade de servizo público ao país.
Nestas eleccións temos unha oportunidade para mudar o presente e gañar o futuro.
Convido a comunidade universitaria a participar neste compromiso colectivo para transformar a USC, para facer o que Castelao imaxinou: unha universidade que irradie cultura e saber desde Galiza.