“Agora abolición”: o movemento galego antitouradas volve á rúa o día 10 en Pontevedra

Demanda a fin desta práctica na cidade pontevedresa, “o último feudo taurino”.

O movemento galego contra as touradas ten, máis un ano, unha cita en Pontevedra. Desta vez o sábado, 10 de agoto, ás 20:00 horas e na Praza da Peregrina. Ese é o punto de partida da manifestación que convoca Touradas Fóra de Pontevedra e que ten nesta ocasión como lema 'Agora Abolición'.

O obxectivo da mobilización é, indican as organizadoras, reivindicar unha Pontevedra contraria “a unha actividade que se atopa en extinción na Galiza, sendo a nosa cidade o último feudo taurino”. Reclaman á Xunta, como administración competente para poder acabar coas touradas, a modificación da Lei de Protección de Animal xa que actualmente exclúe estas prácticas.

Ademais, solicitan ao Concello de Pontevedra máis pasos que contribúan “a afogar economicamente o empresariado taurino”. Neste sentido, demandan a fin do convenio coa praza de touros “polo cal lle entrega máis de 30.000 euros anuais así como a non cesión de espazos públicos para a promoción das touradas”.

Fan un chamamento á socidade pontevedresa e galega a se mobilizar nun momento “no que as touradas en Pontevedra están en completo retroceso cunha feira de apenas dous días e cun público taurino enfrontado coa dirección dunha praza que non é capaz de encherse sendo a única feira que queda en Galiza”.

Según diversas estatísticas, afirman, 85% dos galegos e galegas están en contra das touradas.