Un cruceiro de Touro transfórmase en 'illa viaria' após o aglomerado e pintado na súa base por unhas obras

(FB do BNG)

O BNG fala de “atentado ao patrimonio cultural”.

O BNG de Touro cualifica de “atentado patrimonial inxustificábel”, o resultado dunha obra de reparación e aglomerado dunha estrada na parroquia de Novefontes que levou, denuncian, a “aglomerar a base mesma  dun cruceiro e que se pintara ao seu arredor unha illa con pintura plástica”.

Para as nacionalistas, resulta “moi dificil de entender unha actuación deste tipo, nunha zona próxima ao río Ulla e a outros bens patrimoniais. sen nengún respecto polo patrimonio cultural do Concello, tratando un ben patrimonial de indudábel valor histórico como se fose un estorbo”.

O BNG indica que esa vía non soporta un gran volume de tráfico e considera “absurdo” que “na  vez de adaptar a obra ao entorno e aos elementos presentes  o que se conseguiu  foi que o que resulte  un elemento estraño  no lugar sexa o que leva alí séculos, o cruceiro”.

Demanda ao Goberno municipal “que se proceda a unha actuación inmediata para adecuar a obra ao entorno e ao respecto ao elemento patrimonial”.

Solicita tamén que esta actuación sexa supervisada  pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.