AGE pide a intervención da Xunta para salvagardar os fondos do Ateneo Ferrolán

Biblioteca do Ateneo

Alternativa afirma que un convenio municipal contribuía ao funcionamento do Ateneo ferrolán, mais ese acordo desapareceu coa chegada do PP ao Concello. 

“O Ateneo, fundado en 1879, sempre tivo problemas en épocas de ditaduras e de réximes autoritarios. Agora é o PP de Ferrol, de xeito sibilino, que ataca a institución”. Eliseo Fernández, presidente do Ateneo de Ferrol, mostrouse así de contundente na mañá desta cuarta feira feira durante a rolda de prensa no Parlamento de Galiza coa vice-portavoz de Alternativa Galega de Esquerda Yolanda Díaz e o deputado Xabier Ron.

AGE esixiu á Xunta que asine un convenio de colaboración co Ateneo que “garanta as condicións materiais necesarias para que os fondos da biblioteca hemeroteca teñan condicións óptimas de preservación e consulta nas dependencias” da agrupación. Os seus importantes fondos de hemeroteca e biblioteca (con coleccións de máis de 450 cabeceiras e 7.500 volumes, respectivamente) atópanse en mans da empresa Mudanzas Félix, que reclama 39.000 euros pola súa almacenaxe durante o tempo que durou a reforma. “O concello, gobernado polo PP e cun alcalde mergullado na Operación Pokemon, négase a pagalos, aínda que adquirira o compromiso previo de facelo”, denuncian desde a Alternativa Galega de Esquerdas.

“O que vemos é como o PP aposta por aparatosas infraestruturas culturais baleiras”

“Os 39.000 euros que reclama Mudanzas Félix serían menos se o concello cumprise o seu compromiso e pagase nada máis rematar as obras no Ateneo, a comezos de 2013”, lembrou o presidente do Areneo. A reforma do edificio, situado no histórico barrio da Ilustración, a Magdalena, custou un millón de euros así que, engadiu Fernández, “non se entende que o Concello non pague agora os 39.000 euros que o Ateneo non ten”. O alcalde ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, nin sequera recibiu á dirección do Ateneo, malia que esta llo solicitou en repetidas ocasións. “O que vemos é como o PP aposta por aparatosas infraestruturas culturais baleiras”, concluíu o presidente do Ateneo, o historiador Eliseo Fernández, antes de remachar: “Nós pedimos sensibilidade, comprensión e xustiza”.