AGE-Europa

AGE-Europa e plataformas sociais lanzan o “Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados”

[Imaxe: AGE-Europa] Lidia Senra, en primeiro plano, atendendo as xornadas

As xornadas organizadas por Lidia Senra, eurodeputada de AGE-Europa, en colaboración coa Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, finalizaron co lanzamento do “Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privados”. Formaron parte das palestras decenas de expertos e expertas do sector sanitario galego e internacional.

Concluíron as xornadas “A privatización da Sanidade na Unión Europea” e fixérono cun completo manifesto impulsado polas plataformas presentes no encontro e que foi presentado polo presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín. O documento recolle seis puntos claves que amosan o “compromiso a potenciar unha rede de organizacións e plataformas que integren os sectores sociais e profesionais máis amplos, a nivel local, rexional, estatal e europeo contra a privatización dos centros sanitarios, para evitar novas privatizacións e promover a reintegración dos centros privatizados mesmos aos sistema público”.

O documento considera "esencial" a mobilización social e profesional, acompañadas da intervención das administracións públicas

Aliás, o texto recolle que a saúde  ten “unha dimensión multifactorial que traspasa o Sistema Sanitario, que ten que ver coa actuación pública sobre os determinantes da saúde coa colaboración activa da poboación e os e as profesionais do sistema”. Considera que é “esencial” a “mobilización social e profesional, acompañadas da intervención das administracións públicas” e rexeita “os instrumentos que só benefician o sector privado e que deberían ser reintegrados ao sistema público”.

O manifesto denuncia que os modelos de Colaboración Público Privada supoñen “un encarecemento moi importante da atención sanitaria, o recorte de recursos, a diminución da calidade da mesma e unha total ausencia de transparencia, avanzando cara á constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans de multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre”. E advirte de que este modelo representa un dos alicerces fundamentais da estratexia de privatización do Sistema Sanitario Público que se está producindo no Estado español de xeito progresivo”.

Divulgación 

A eurodeputada Lídia Senra valorou moi positivamente este encontro e puxo de manifesto “como os partidos que abrazan o neoliberalismo están dispostos a promover reformas nos sistemas públicos de saúde para convertela nun suculento negocio para as grandes empresas e os investidores”.

Senra: "Pola nosa parte poñeremos toda a carne no asador para contribuír na loita que se está a dar contra este atentado contra a saúde das persoas"

“Pola nosa parte poñeremos toda a carne no asador para contribuír na loita que se está a dar contra este atentado contra a saúde das persoas, tanto colaborando na divulgación do que está acontecendo como poñendo en marcha todas as iniciativas que estean ao noso alcance para seguir facilitando debates deste tipo e levando iniciativas ás institucións nas que estamos presentes”, afirmou.

Ao longo das xornadas, Lídia Senra amosou o seu compromiso a poñer toda da súa parte para que a loita contra a privatización sanitaria avance. A eurodeputada defendeu a sanidade como un dereito recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e atacou as institucións públicas porque, ao seu entender “deberan ser as garantes destes dereitos e desafortunadamente están optando pola vía das políticas neoliberais e de favorecer só unhas poucas persoas, malia ser conscientes de que con estas decisións están vulnerando lexislación nacional, estatal e internacional”.

Ante esta situación, denunciou que a privatización sanitaria se estea dando “de forma silenciosa, case invisíbel”, a pesar de que cada vez a cidadanía sexa máis consciente tanto a nivel individual como colectivo de que “cada vez nos maltratan máis”.

Con motivo destas xornadas, Sermos Galiza entrevistou o médico Manuel González Moreira, un dos relatores e portavoz de SOS Sanidade Vigo, quen nos explicou o funcionamento e resultados dos hospitais de colaboración público-privada.