AGE denuncia o desmantelamento do servizo de orientación escolar

[Imaxe AGE]

A coligazón alerta da eliminación ou reagrupamento d@s orientador@s en até 23 centros de toda Galiza, principalmente no rural de Lugo. 

 

A medida que pasan as semanas desde que o curso escolar arrincou, as denuncias e queixas acrecéntanse froito da perda de profesorado, orzamento e do desmantelamento de servizos complementarios. Neste senso, desde Alternativa Galega de Esquerda alertan da supresión e reagrupamento que se está a desenvolver nos centros de ensino --principalmente do rural-- a respeito do servizo de orientación escolar. 

Através dunha Proposición non de lei a coligazón denuncia os casos rexistrados até o momento e que atinxen 23 centros de ensino de todo o país, nomeadamente do interior da provincia de Lugo. Na súa iniciativa detallan polo miúdo cales son as distintas situacións que se están a producir e advirten das consecuencias desta medida que, se suma, sinalan, á "privatización dos centros de educación especial. 

Profesionais partillados entre centros

"Nalgúns casos os Departamentos de Orientación son suprimidos e noutros, son adscritos a centros de Educación Secundaria", apuntan os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez ao tempo que relatan "algúns exemplos" do desmantelamento do Servizo de Orientación Educativa. 

Vinte e tres escolas ás que lles son adscritas a orientación dos centros de ensino primario como o do IES de Quiroga, o IES Pedregal de Irimia (Meira), o IES Fonmiñá (Pastoriza) ou o CEIP Lois Tobío de Viveiro. Neste último caso o centro conta con 305 estudantes de seu mais vese obrigado a asumir a orientación d@s 104 alumn@s do EEI San Roque, e @s 202 do CEIP Plirilingüe de Covas. 

O CEIP Lois Tobío de Viveiro conta con 305 estudantes de seu mais vese obrigado a asumir a orientación d@s 104 alumn@s do EEI San Roque, e @s 202 do CEIP Plirilingüe de Covas

A situación agrávase en casos como o do IES Plurilingüe Fontem Albei, na Fonsagrada, que fica desde hai 3 anos sen este servizo contando unicamente coa orientadora do CPI de Cervantes (Ancares) dous días á semana quen partilla, aliás, o CEIP Ponte de Doiras. Aliás, son os propios centros os que asumen o custe dos desprazamentos con cargo ao seu orzamento. 

Carencias nas Equipas Específicas de Orientación de todo o país

Desde o grupo parlamentar de AGE denuncian que, para alén do máis, "o Goberno Galego ten condenado ao esquecemento e o abandono mais absoluto, as Equipas Específicas de Orientación". Estes grupos foron concibidos como servizos provinciais externos de orientación para prestar apoio e asesoramento aos departamentos de Orientación, contando con especialistas en trastornos motores, trastornos sensoriais, trastornos da conduta, trastornos xeneralizados do desenvolvemento, audición e linguaxe ou traballo social", explican Ron e Vázquez. 

Nas 4 provincias galegas as Equipas Específicas de Orientación "sofren carencias importantes" por non se cubriren prazas

Porén, denuncian que nas 4 provincias galegas as equipas "sofren carencias importantes". E é que o de Lugo ten dúas prazas vacantes "correspondentes coa especialista en trastornos Motóricos e o de Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento"; pola súa banda, Pontevedra non conta con "especialista en Audición e Linguaxe". Tamén acontece o mesmo en Ourense onde fican sen persoal formado en déficits sensoriais e de orientación profesional; e na Coruña faltas por cubrir dúas prazas de Traballo Social e Audición e Linguaxe. 

Para AGE a política que está a seguir a Consellaría de Educación a respeito deste servizo podería supor mesmo unha vulneración da legalidade ao seren asumidos os labores de orientación por persoal non cualificado. Este é o caso do IES da Fonsagrado que carece de orientadora e garante o servizo cunha persoa procedente dun Centro Público Integrado. Un feito contrario ao fixado pola lexislación.