Este domingo, a XVII edición da Feira de Plantación

Agasállanche unha planta ornamental se vas a San Sadurniño

Imaxe dunha edición anterior da feira

O Concello de San Sadurniño organiza o vindeiro 29 de abril a XVII edición da Feira da Plantación. Durante un día, a vila convértese no referente comarcal para comprar todo tipo de planta e flor de temporada, así como obxectos de artesanía e outros produtos da terra.  

A Feira de Plantación é unha oportunidade para poñer en valor as posibilidades do medio rural e o seu potencial a nivel económico. Posta en marcha no ano 1996 pola asociación medioambiental Bidueiro, o concello asumiu a súa xestión despois da disolución da agrupación. “Fixémolo con moito gusto”, explica o concelleiro de Desenvolvemento Local, Participación Veciñal e Xestión Interna, o nacionalista Manuel Varela (BNG): “É unha das patas que forman parte da política que estamos a facer apostando polo rural. A feira encádrase dentro dun conxunto de mercados que facemos todos os meses xunto coa Feira Rural que se celebra o último sábado de agosto”.

 

“A afluencia de público é fiel e a xente do concello vive a feira con moitas ganas. Ás veces é unha loita reivindicar o rural nunha área de influencia industrial tan potente. O boom da industria machucou especialmente esta zona. Agora costa recuperar, pero aí estamos intentando que o sector primario volva ser parte da economía dun pobo no que, recursos, hai dabondo”, conta o edil de Desenvolvemento Local.

 

Este ano a feira contará cun total de 40 postos organizados nunha carpa de case 1.000 metros na que os asistentes poderán atopar todo tipo de plantas: ornamentais, aromáticas, medicinais, de horta e froiteiras. Situado ao pé do colexio público, o mercado abrirá as súas portas a partir das 10:00h, e estará precedido dunha xornada técnica sobre o sector primario que se celebrará esta sexta feira 27 na Casa da Cultura.

 

Na súa aposta polo desenvolvemento rural, o concello organiza, en colaboración coa AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel de Goente, tres charlas sobre produción froiteira, comercio de proximidade e apicultura, ordenadas baixo o título “Apostando polo sector primario”. De entrada libre, a xornada desenvolverase a partir das 16:00 horas, cun primeiro pase aberto polo enxeñeiro e membro da AFGA do Eume Ramiro Martínez, que dará unha serie de consellos sobre as plantacións froiteiras e as súas técnicas de plantación e enxertado. 

 

A partir das 17:30h será o turno de Carmen Freira, representante da asociación de agricultura sostible Lentura, que contará a experiencia desta asociación na colaboración comercial entre casas labregas. Cabe destacar que os produtores que forman parte de Lentura subministran aos mercados próximos con produtos frescos e transformados obtidos de maneira sostible e ecolóxica.

 

O apicultor Hugo Negrioli fechará a xornada cunha sesión sobre o manexo produtivo da colmea vertical. Este tipo de explotación, moi frecuente na Europa antiga, perdeu peso coa irrupción do modelo industrial, espazo que agora recupera grazas ao crecemento da produción tradicional e á súa facilidade de construcción e baixo prezo. Amais, dise que estas colmeas producen  unha mel de maior calidade, pois non se mesturan as crías de abella co produto.

 

Ubicado no interior da comarca da Ferrolterra, a feira tamén é unha oportunidade para coñecer San Sadurniño e o seu entorno. Nun área de 500 metros e seguindo a beira do río Xuvia, pode visitarse o Convento de Rosario, o Pazo da Marquesa (agora casa do concello) e os seus xardíns, o arboredo galego de San Sadurniño -un xardín botánico adicado á protección e cultivo de árbores autóctonas-, e a Horta de conservación e demostración de froiteiras autóctonas das comarcas do Eume, Ferrol e Ortega, que alberga aproximadamente 250 variedades distintas de mazá, cereixa, figos e pexegos, entre outras.