Este é o agasallo do voluntariado galego para Rueda ante a inacción do desastre dos pellets

Voluntariado deixou ás portas da sede da Xunta da Galiza os pellets recollidos durante 50 horas na praia de Queiruga, en Porto do Son (comarca de Noia). (Foto: Ventura Agis)

Centos de voluntarias participaron esta fin de semana en tarefas de limpeza dos areais

Varios centos de persoas, autoorganizadas e coordinadas a través das redes sociais, persoáronse esta de semana nos areais da Galiza para colaborar na limpeza da vertedura de pellets de plástico que anegan a costa galega desde o pasado 13 decembro.

E fixérono ante a inacción da Xunta da Galiza, que tardou case un mes en activar o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Plan Camgal), tan só no nivel 1, o cal implica un despregamento de persoal de limpeza insuficiente para a minuciosa tarefa de recoller microplásticos.

O fastío da veciñanza polo desinterese do Executivo galego neste desastre medioambiental é tal que levou a un grupo deles a deixar un “regalo” a Alfonso Rueda, o presidente da Xunta da Galiza, e a Alfonso Villares, conselleiro do Mar, diante dos edificios de San Caetano, en Compostela.

Varios sacos e bolsas cheos de pellets acompañados dunha nota na que se pode ler que tal cantidade, uns 25 kg, é froito de 50 horas de traballo de limpeza no areal de Queiruga, en Porto do Son (Comarca de Noia).

Esta mostra do traballo incansábel do voluntariado galego pon en evidencia, máis unha vez, o procedemento da Xunta da Galiza, que insiste en botar balóns fóra e acusar o Goberno do Estado de “ocultar información”.

Alén de mobilizar pouco persoal, a Xunta tampouco dá apoio ás persoas voluntarias, e estas denunciaron ao longo desta fin de semana que o "112 non dá información" a respecto de "que facer" cos residuos recollidos, e a recomendación do servizo de emerxencias galegos é "que o levemos para a casa"

Son poucos os Concellos que prestan os seus servizos para dar apoio ao voluntariado, fornecendo contedores específicos para a súa recollida, entre eles o de Ribeira (O Barbanza), Muros (comarca homónima) ou O Grove (O Salnés). A vertedura de pellets xa abarca unha liña de costa que vai desde a ría de Vigo até a comarca da Mariña, segundo rexistrou a asociación Noia Limpa.