Exixen ao Concello de Ferrol a entrega das vivendas sociais de Recimil, adxudicadas hai tres anos

Ducias de familias acudiron ao Concello de Ferrol para demandar do goberno local do PP a entrega das vivendas sociais existentes nese barrio, adxudicadas en 2010. Stop Desafiuzamentos alerta da situación extrema na que se atopan moitas destas persoas

Ducias de familias personáronse na mañá desta sexta feira no Concello de Ferrol para presentar as correspondentes demandas e reclamacións exixindo a súa vivenda. No barrio de Recimil hai 60 vivendas sociais baleiras, segundo indican desde Stop Desafiuzamentos e a Rede de Apoio Mutuo de Ferrol, que traballa man con man con estas familias.

Gran parte das vivendas referidas están en boas condicións de habitabilidade ou que precisan para iso só pequenas reformas, contra o que se sostén desde a administración local.

Representantes do BNG, EU e PSOE acompañaron a estas persoas. No Concello teñen unha lista con 116 persoas admitidas para ter unha vivenda. Mais o paso non se dá. Unha situación digna do teatro do absurdo. Agardando por unha casa. Agardando por Godot. Godot non chegou, mais agardemos que a casa si.

Fotos: Susete de Ferrol