Agardando polo dereito a morrer con dignidade

Manifestación na defensa de Ángel Hernández, procesado por axudar a súa muller a suicidarse en 2019 (Imaxe: Europa Press)
Tras décadas de debate arredor da eutanasia ensánchase a fenda entre a súa aceptación na sociedade e as barreiras de grupos políticos para despenalizala. Unha iniciativa de En Marea no Parlamento busca diminuír esa distancia e presionar o Goberno. 

Xesús Vázquez mira fixamente á lente da cámara desde a súa casa da Coruña. Padece Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). "A enfermidade de Stephen Hawkings", explica nun vídeo compartido a través de YouTube e outras redes sociais no mes de novembro. "Agora mesmo vedes que estou falando e estou respirando perfectamente, pero esta enfermidade pode provocar que xa non respire ben, que teña máis problemas. Por isto, quero ter unha lei de eutanasia", declara á audiencia.

"Diagnosticáronme hai dous anos e a esperanza de vida das persoas con ELA é de tres a cinco", conta Xesús Vázquez a Nós Diario por teléfono,"a raíz disto e de falar coa xente da Asociación Galega de Afectados de ELA (Agaela) comecei a fixarme máis nas publicacións sobre a eutanasia dos xornais, xa como activista".

Hoxe, durante o primeiro Pleno do Parlamento da Galiza en 2020, o grupo parlamentar de En Marea presenta unha iniciativa para despenalizar a eutanasia e mais o suicidio asistido. Outras Cámaras do Estado, como a vasca ou a catalá, xa teñen aprobado medidas similares. E é que no Estado, calquera intento de aprobar unha lei de eutanasia pasa pola derrogación do artigo 143 do Código Penal.

A asistencia, penada
O Código Penal castiga con entre dous e dez anos de cadea as persoa que provocan a morte de quen o desexa, caso da eutanasia, ou a quen proporciona os medios para facelo, caso do suicidio asistido. Non é así noutros Estados da Unión Europea ou Latinoamérica. "Nalgún momento preguntei: Terei que viaxar a Holanda ou Suíza?'", comparte Vázquez. 

O activista recolle da súa memoria novas que lle chamaron a atención nestes meses. Lembra a María José Carrasco, cuxo marido foi procesado após axudala a suicidarse. De entre todas as loitas, tal vez  a máis coñecida a nivel mediático foi a de Ramón Sampedro, finado hai 22 anos, recordado o 12 de xaneiro no Día da Morte Digna da Galiza.

Ascensión Cambrón, presidenta da rama galega da Asociación polo dereito a unha morte digna, fai reconto das 17 iniciativas que, desde o inicio da democracia, trataron de modificar o artigo 143 sen éxito. Hoxe a historia de Sampedro non sería distinta. 

A iniciativa do PSOE
Os últimos intentos de aprobar unha lei da eutanasia foron os de Unidas Podemos, primeiro, e despois o PSOE. As dilacións e a convocatoria de eleccións botaron por terra este renovado intento. Mais as dúas formacións que agora gobernan en coalición introduciron no seu acordo un novo intento, que Vázquez e Cambrón agardan con esperanza, pero con cautela.

"Polo que din, o anteproxecto de lei presentado polo PSOE, que non está aínda publicado, é moi semellante ao que propuxera o pasado ano", avanza o avogado especialista en dereito sanitario Miguel Vieito, "se un consulta ese proxecto este está cargado de barreiras para que unha persoa poda acceder".

"Para acceder á eutanasia, unha persoa debe cumprir con dúas condicións: que a paciente teña unha diagnose que descarte a posibilidade de mellora ou recuperación e que a pida libre e reiteradamente", engade Esperanza Cambrón. A maiores, a petición da paciente deberá ser revisada por dúas profesionais sanitarias independentes entre si. De aprobala, esta será remitida a unha comisión de avaliación e control.

Vieito e Cambrón acollen a creación das comisións con distintas posturas. Para o primeiro, a súa creación é unha proba dunha lei "garantista". "Non é un dereito de exercicio automático, hai barreiras que aseguran garantías e un proceso deliberativo", valora. Para a segunda, alonga en exceso o trámite para as pacientes. "É unha anomalía fronte a regulación noutros países, nos que a comisión actúa a posteriori da aplicación", razoa. E engade que serán as propias Administracións territoriais as que decidan a súa composición, coa única obrigatoriedade de incluír unha xurista e unha profesional sanitaria. "Un risco que non deixa de sorprender", explica.

A activista e docente fai fincapé en que iniciativas como a presentada esta terza feira no Parlamento serven para presionar o Goberno central. "De aprobarse, sería moi positivo", asevera. Cambrón recorda que nos últimos anos mudou a sensibilidade da sociedade e a súa percepción sobre as capacidades da medicina. "Hai unha maior consciencia do que pode facer, mais tamén dos límites do ser humano e da súa fraxilidade", afirma. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube