África González, inmunóloga: "Este virus vai máis rápido que a capacidade de obter novas vacinas ou antivirais"

No outono espéranse doses actualizadas fronte á Covid-19. (Foto: Nós Diario).
A carreira do coronavirus por seguir contaxiando o maior número de persoas vai da man da comunidade científica que trata de actualizar as vacinas fronte á Covid para frear o ascenso dos contaxios e das súas complicacións. No outono poderían estar listas, mais até entón, que beneficio supoñen os reforzos coa fórmula orixinal?

A recomendación da Axencia Europea do Medicamento de iniciar canto antes a vacinación de todas as persoas vulnerábeis e maiores de 60 anos cunha segunda dose de reforzo fronte a Covid coincide no tempo coa propagación das novas subvariantes de Ómicron que nas últimas semanas elevaron o número de contaxios e, outra vez, a alarma ante o coronavirus.

O virus que está a circular e a provocar a maioría dos casos que se rexistran evolucionou e xa non é o mesmo que nos deu a coñecer Ómicron a finais do ano pasado. É diferente daquela primeira versión. Máis esquivo a calquera barreira inmunolóxica e, polo tanto, máis eficaz á hora de infectar  o maior número de persoas susceptíbeis de se contaxiar.

Está a comportarse como era de esperar. "O SARS-CoV-2 muta, pero non o fai tanto coma outros virus como VIH. O problema é a enorme cantidade de persoas infectadas no mundo, que facilita unha extensión rápida daquelas mutacións que lle confiren maior vantaxe". E iso acontece sobre todo en zonas de alta densidade de poboación, precisa África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, investigadora do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e autora do libro divulgativo Inmuno power: conoce y fortalece tus defensas.

Escape inmunitario

BA.4, BA.5 e BA2.2.75 son as versións máis recentes de Ómicron e o principal foco de atención agora mesmo. "As dúas primeiras identificáronse en xaneiro e febreiro en Suráfrica e xa son dominantes en moitos sitios, como na Galiza, mentres que a BA.2.75, denominada 'Centauro', é máis recente. Detectouse en xuño na India, pero xa está presente en varios países".

Adoitan producir infección máis no tracto respiratorio superio, a diferenza do que ocorría coas primeiras variantes que tamén afectaban o pulmón 

Teñen en común unha alta transmisibilidade, superior á das súas predecesoras, e un maior escape inmunitario. "Todas son capaces de sortear parte da inmunidade xerada polas vacinas e as infeccións previas con outras variantes, pero non completamente".

Isto, aclara González, significa que persoas que xa se infectaron con Ómicron se poidan infectar de novo con algunha subvariante, habitualmente de forma leve. "Adoitan producir infección máis no tracto respiratorio superior (conxestión nasal, dor de garganta, tose) a diferenza do que ocorría coas primeiras variantes que tamén afectaban o pulmón (pneumonías, fibroses)".

Tanto Pfizer como Moderna xa teñen lista unha coa cepa de Wuhan e Ómicron

Sobre o aumento das hospitalizacións derivado desta última vaga, a inmunóloga afirma que non sempre son consecuencia directa do coronavirus. "Os datos apuntan que as persoas ingresadas infectadas con estas subvariantes teñen outros problemas que a Covid descompensa". Defende, ademais, que nin os casos graves e nin os falecementos rexistraron un gran incremento, o que indica que as vacinas seguen a ser eficaces. "Inducen boa resposta inmunitaria con anticorpos neutralizantes e memoria fronte á maioría das variantes e subvariantes. Aínda que se perdan anticorpos ou algunhas subvariantes escapen á inmunidade xerada, o noso sistema inmunitario pode aprender e ir adaptándose ás novas versións. Ademais, tamén os nosos anticorpos poden 'mutar'". 

Vacinas actualizadas

Con todo, o escape vacinal do virus, cada vez maior, está a acelerar a demanda dunha vacina actualizada que dea resposta ao impacto do virus agora dominante. "Tanto Pfizer como Moderna xa teñen lista unha coa cepa de Wuhan e Ómicron", asegura África González, nun momento en que a FDA estadounidense (a axencia encargada de aprobar alí  novos medicamentos) urxe que o novo fármaco recolla ademais as últimas subvariantes.

Este virus sempre vai por diante de nós

"Pero é imposíbel ir ao ritmo de aparición das novas variantes. O problema con este virus é que os seus cambios van máis rápido que a capacidade de obter antivirais ou vacinas concretas. Sempre vai por diante de nós", afirma a experta, que convida a estudar primeiro o grao de protección que as vacinas deseñadas de novo teñen fronte ás subvariantes antes de decidir se se empregan ou non chagado o outono e como. "A prioridade debe ser a poboación vulnerábel".

Neste sentido, e a falta de mellores opcións, polo momento xustifica a administración dunha cuarta dose da vacina de ARN. "Un estudo recente demostrou que induce protección parcial fronte ao contaxio, pero moi boa actividade na diminución da hospitalización e de máis de 80% dos falecementos en persoas vulnerábeis en zonas con alta incidencia de Ómicron".

De cara ao próximo inverno, González asegura que o virus "seguirá mutando". "É un virus respiratorio e é moi difícil poñerlle freo. Irán xurdindo novas variantes, pero con máis persoas vacinadas ou con infeccións previas -e novas defensas inmunolóxicas- serán cada vez máis leves na poboación xeral".

Covid-19: 26 mortes en maiores de 64

O Sergas notificou onte a morte de 26 persoas con idades comprendidas entre os 64 e os 96 anos e c diagnosticadas de Covid. Os falecementos rexistráronse en seis xornadas diferentes desde o 1 de xullo, e elevan o número total de vítimas desde o inicio da pandemia a 3.689.

Polo demais, a evolución do coronavirus segundo os últimos datos publicados mantén unha tendencia á baixa no número do casos que aínda non se reflicte na presión hospitalaria. Hai 14.539 doentes coa infección activa, dos cales 932 están ingresados, 31 en UCI.

A incidencia acumulada entre a poboación vulnerábel e maior de 60 anos, albo dos protocolos Covid, sobrepasa xa os 1.400 casos por 100.000 habitantes a 14 días.