Catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo)

África González: "Grazas a Executivas temos a referencia de máis de 300 mulleres en activo en diversos ámbitos"

A investigadora forma parte do Cinbio, o Centro de Investigacións Biomédicas da Uvigo. (Foto: Nós Diario)
África González forma parte do departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo), e tamén integra o Cinbio, para investigacións biomédicas. Á súa dilatada carreira sumoulle, o pasado mes de decembro, dous novos recoñecementos, o Premio Executivas 2020 e máis o Women CEO da Unión Europea (UE), do que xa fora finalista en 2017. 

Que significado teñen para vostede os premios?

Son todo un orgullo e moita alegría. No caso de Executivas foi por votación das compañeiras, o que realmente me fixo moita ilusión, valorando o meu traballo e dando visibilidade á muller científica e líder. O premio de Women CEO supuxo o recoñecemento á vida profesional dedicada á docencia, á ciencia e á empresa.

Déronmo no congreso que María Mayán e colaboradoras levan organizando desde hai anos para visibilizar investigadores e investigadoras da Galiza no estranxeiro. Foi motivador e moi esperanzador ver tanto talento mozo con ganas de volver a Galiza a seguir as súas carreiras.

O Women CEO busca tamén crear redes de colaboración. 

É fundamental primeiro que nos coñezamos, xa que moitas estiveron a traballar na sombra, sen recoñecemento, e nin sequera sabemos que están aí. A lista de referentes, promovida por Executivas de Galiza, era unha necesidade e grazas a Carla Reyes  e ao resto da directiva fíxose realidade. Non poden dicir que no hai mulleres, hai unha listaxe de máis de 300 referentes, existen e queremos dicilo alto e claro.

A rede de mulleres permite axudarnos, e a experiencia está a ser fantástica. A multidisciplinariedade é o éxito, xunto con valorar e respectar cada un dos sectores. Entre todas temos máis forza, a nosa voz pódese escoitar mellor e máis lonxe. 

Como explicaría a urxencia de promover o papel da muller na ciencia?

As mulleres están distanciándose de carreiras, que curiosamente son as que máis saídas profesionais poden ter no futuro, relacionadas con Ciencia, novas tecnoloxías, bioinformática, redes, intelixencia artificial... Non poden darlle as costas ao que vén, e deben formarse para participar do futuro.

Se non se involucran, as oportunidades laborais serán máis restrinxidas, e non participarán na innovación e na diversidade dunha sociedade que as necesita. A investigación pode facerse desde calquera ámbito científico. Dedicarse á investigación é unha carreira de fondo que non finaliza, pero que é apaixonante. Un país que non dedica suficientes recursos a I+D+i, hipoteca o seu futuro. 

Cre que a Covid-19 serviu para que a ciencia teña máis espazo nos medios ?  

Nunca antes se vira unha sociedade tan ávida por saber que está a pasar, e coñecer sobre resposta inmunitaria, vacinas, transferencia de plasma... É unha materia relativamente recente, pero gustaríame pensar que este interese pola ciencia e pola investigación, continuará cando pase a pandemia.

Desta sairemos grazas ás vacinas pero debemos estar mellor preparadas, asegurar que a xente de ciencia teña máis recursos, que se valore máis o seu traballo, que se coñeza o que están a facer.  É tamén unha obriga achegar máis a ciencia a todas, e isto é unha materia pendente.

Que lle diría á xente que rexeita a vacina da Covid-19?

Que confíen, é un dos procedementos médicos que más vidas salva, xunto cos antibióticos e coa hixiene. Xa case esquecemos a polio, a difteria, o tétanos... que antes mataban ou deixaban secuelas. É un procedemento seguro, as da Covid-19 ensaiáronse en milleiros de persoas e demostraron ser eficaces e seguras.

Axilizáronse os procesos burocráticos, pero non os de seguridade e eficacia, que foron iguais ao resto das vacinas. Diríalles que vacinarse é un acto de solidariedade comunitaria: se me vacino, protéxome, pero tamén estou a protexer á sociedade. A doutora Katalin Karicó leva 40 anos tentando demostrar que o ARN podía usarse con éxito.