Afectados polo vial de Beade replican ao Concello de Vigo: "Terá un impacto enorme nas parroquias"

Mobilización de Avibe en Vigo contra a construción do vial de Beade (Foto: Nós Diario).
A plataforma Avibe responde ás declaracións da concelleira María Xosé Caride a respecto desta polémica obra que, afirma o colectivo, afectará toda a veciñanza de Beade alén das persoas que sufran expropiacións.

A Plataforma de afectados polo vial de Beade (Avibe), en Vigo, respondeu esta quinta feira, a través dun comunicado, ás declaracións que fixeron na cuarta a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, en relación á controvertida construción dunha vía de alta capacidade nesta parroquia.

Caride sinalara que, ao remate do proceso de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) recibíranse 4.445 alegacións, que o Goberno local, dixo, atenderá "coa mellor vontade" para responder ás demandas veciñais, nomeadamente no caso de Avibe.

"O grao de afección a solo residencial está acotado", defendeu, alegando que "50% do trazado vai en túnel ou viaduto", polo que o número de vivendas afectadas sería "moi reducido". "Todas as infraestruturas poden supor un impacto visual e acústico, mais vanse minimizar os efectos para que se sufran o menos posíbel", afirmou.

Porén, Avibe sostén que a edil "contextualiza o grao de afección do vial de forma incorrecta e no seu propio beneficio". "Tanto o túnel como o viaduto teñen un alto impacto sobre a contorna das parroquias afectadas", asegura a plataforma.

"O viaduto pretende salvar o río Eifonso, mais a realidade é que o impacto ambiental que vai supor para o río o tráfico rodado mañá, tarde e noite é abrumador", sinala, aludindo á "emisión de partículas e compostos orgánicos contaminantes".

O túnel nos arredores do río Barxa, por outra parte, "danará de forma irreversíbel os acuíferos presentes na zona, que son un verdadeiro espazo a protexer". Avibe "convida" o Goberno local a "pasear" pola zona afectada polo túnel "para ver a cantidade de patrimonio cultural e as vivendas que sufrirán, no mellor dos casos, fendeduras e danos estruturais".

Aliás, o colectivo advirte do impacto desta obra sobre as especies de fauna e flora presentes na contorna, que se verían "gravemente afectados", e afirma que as declaracións feitas por Caride "non contan con ningún estudo técnico nin ambiental".

Avibe lembra que xa gañou unha "batalla" en relación ao vial de Beade, após recoñecer o Concello que, cando menos, "entre catro e once vivendas" vanse ver afectadas de forma directa por expropiación. "Mais o maior grao de afección non é a veciñanza que sufrirá expropiacións, que tamén, senón todas aquelas familias que van ter que vivir ao carón dun vial de catro carrís", engade.