O aeroporto da Coruña xa conta con conexión a Milán, o seu terceiro destino fóra do Estado español

Terminal do aeroporto coruñés de Alvedro (Aena)
Haberá dúas frecuencias semanais desde Alvedro coa cidade italiana, as terzas feiras e os sábados, durante todo o ano.

O aeroporto da Coruña (Alvedro) sumou desde esta terza feira con Milán-Malpensa o seu terceiro destino fóra do Estado español, con conexións aéreas que tamén inclúen as cidades de Xenebra e Londres.

Do mesmo modo que no caso de Xenebra, conexión que se inaugurou a pasada fin de semana, o roteiro con Milán-Malpensa contará coa aeroliña EasyJet como operadora.

Haberá dúas frecuencias semanais desde Alvedro coa cidade italiana, as terzas feiras e os sábados, durante todo o ano. O primeiro voo procedente do aeroporto de Milán-Malpensa chegou a Alvedro na tarde desta terza feira, ás 16.30 horas. A volta a Italia é ás 17.15 horas.

Segundo a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, a nova conexión con Milán, así como a de Xenebra, reflicten "a aposta do goberno municipal para potenciar o valor turístico da Coruña".

Historia de Alvedro 

O primeiro proxecto do aeroporto na cidade da Coruña foi aprobado en Consello de Ministros o 11 de setembro de 1953 e declaraba o traballo de realización urxente.

Este primeiro proxecto implicaba a construción dun campo de voos na meseta de Alvedro, en Culleredo, que se consideraba suficiente para a construción dun aeródromo tipo C. En proxectos posteriores incluíuse a construción dunha área de estacionamento e unha terminal de viaxeiros.

Finalmente, o 28 de abril de 1990 reinaugurouse o aeroporto e ó longo de toda a década sufrirá varias modificacións na terminal de pasaxeiros, no alongamento da pista e a conexión de voos fóra do Estado español.