Entrevista a Uxío Benítez

"A AECT Río Miño busca promocionar os valores intrínsecos desta área"

A sexta feira 21 de abril tivo lugar na Casa do Concello de Tomiño un encontro no que participaron máximos especialistas en cooperación transfronteiriza con motivo da próxima posta en marcha da AECT Río Miño. A xornada, organizada pola Deputación de Pontevedra, tiña como obxectivo aprender doutras experiencias similares realizadas en Europa. Falamos con Uxío Benítez, deputado do BNG, sobre este encontro e a futura AECT Río Miño.

-O obxectivo desta xornada foi coñecer e aprender dos logros e erros doutras iniciativas similares. Que importancia ten este encontro?

-Este encontro está enmarcado dentro do proceso de constitución da AECT (Agrupación Europea Cooperación Territorial) Río Miño. É un proceso de constitución e consideramos axeitado para os concellos que van formar parte da AECT Río Miño, técnicos e sociedade en xeral que vexan as potencialidades que pode ter este instrumento que estamos creando. Criamos axeitadas unhas xornadas nas que participasen experiencias xa consolidadas en instrumentos de competencia transfronteiriza e así poder extraer ideas.

-Actualmente a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho están á espera dunha autorización oficial. Cal será o seguinte paso a tomar?

-Si, son cuestións independentes. Son procesos paralelos: facer público o proceso de construción e, paralelamente, constituír a AECT. O goberno español xa deu o seu parecer aos estatutos que xa se aprobaron en xullo nos distintos órganos tanto na Deputación de Pontevedra como na Comunidade Intermunicipal Alto Minho de Portugal. Xa se remitiron aos gobernos español e portugués. O goberno español xa emitiu o seu parecer favorable e estamos pendentes só do goberno portugués para que nos próximos meses se proceda á renovación dos estatutos por parte deles e se poida facer un acto de constitución da AECT.

-Tendo todo iso en conta, cando cre que se porá en marcha esta AECT?

-Ben, iso non depende de min. Depende da burocracia dos gobernos, dos estados… pero nós aspiramos dende logo a que neste primeiro semestre se poida constituír. 

-Entre o sur da Galiza e o norte de Portugal xa existen outras AECT como a EurocidadeVerín-Chaves, por que agora o AECT Río Miño? Por que está área xeográfica en concreto?

-A AECT Río Miño nace porque hai unha evidencia de que é un territorio que é o territorio transfronteirizo máis poboado de todas as fronteiras entre España e Portugal. Estamos falando de que a provincia de Pontevedra é a provincia, das provincias que teñen fronteira con Portugal, máis poboada. Estamos falando de que a fronteira do río Miño é a fronteira que ten o 50% da mobilidade de vehículos tanto persoais como comerciais de toda a fronteira entre España Portugal. Estamos falando de que a fronteira do río Miño está no centro dunha eurorexión e no centro do eixo do que son dúas grandes cidades como Vigo e Oporto e cunha poboación de case 400.000 habitantes e que carece dun instrumento para desenvolver políticas transfronteirizas.

"Estamos pendentes só do goberno portugués para que nos próximos meses se poida facer un acto de constitución da AECT"

-Por que precisamente unha AECT?

-É certo que antes existía unha asociación, dende o ano 2006, pero non tiña a validez xurídica. Por iso decidiuse disolver a asociación e constituír unha AECT que ten entidade xurídica para poder desenvolver políticas de cooperación que están xurdindo neste territorio. A AECT Río Miño non pretende cortar os espazos dos distintos municipios aínda que na fronteira se están debatindo a posibilidade de unir municipios como poden ser Tui con Valença ou Salvaterra con Montao senón que pretende servir de acubillo detrás das iniciativas de cooperación transfronteirizas entre cidades. Ademais, pretende ser ese instrumento de potenciación da zona do Miño, do val do Miño, baixo a pretensión de que unidos somos moito máis fortes e pondo en valor un pouco a identificación de todos nós. O río Miño é un fenómeno xeopolítico moi importante, é un fenómeno natural. Estamos falando dun territorio que ten uns valores intrínsecos e endóxenos que consideramos que se deben por en valor e que se deben ver de xeito conxunto. Aspiramos a que a AECT Río Miño sexa a que promova, tanto turística como socioeconomicamente todas estas cousas. 

"Aspiramos a que neste primeiro semestre se poida constituír a AECT Río Miño"


-Nos casos doutras AECT transfronteirizas, como a AECT Saarmoselle, algún dos obxectivos son a posta en marcha de escolas infantís transfronteirizas e a cooperación no ámbito da planificación urbanística e territorial, cales serían os obxectivos primordiais desta AECT Río Miño?

-Os AECTS poden ser todo o que se queira. O tempo dirá o que dará de si a AECT Río Miño. Os obxectivos concretos non os hai, son iniciativas moi amplas. Pero nós, como primeira acción completa que queremos desenvolver van a ser dous programas europeos. O primeiro, a potenciación turística do  río Miño. Falabamos de crear unha marca turística río Miño e intentar unificar todas as accións a nivel turismo desta zona, por unha parte. O outro proxecto que imos desenvolver vai ser empezar xa este ano unha estratexia participativa coa sociedade na que se marcarán todos os obxectivos que se queren desenvolver.


-A AECT Eurocidade Verín-Chaves traía hai pouco consigo o debate da cooperación sanitaria, será tamén un dos obxectivos desta AECT?

-Nós o que queremos é que nesta estratexia participativa da que falaba antes saian a luz todos esas problemáticas, ese debates que saen dos distintos concellos e que os alcaldes nos comunican continuamente. Non queremos anticipar que vaia dar solución a distintas problemáticas. O que está claro é que a fronteira supón día tras día varias problemáticas dende o transporte, o tema da sanidade, seguranza… O que queremos é que dende a AECT se forme o debate e logo xurdirá dos socios da AECT se deciden empregar este instrumento para poder dar solucións a esas problemáticas. Queremos que a AECT sexa un foro debate no que eses dezaseis concellos galegos e eses dez concellos portugueses presenten eses temas e atopen solucións. Até onde se desenvolvan as funcións da AECT dependerá do tempo e da aplicación tamén deste instrumento, que aínda non está constituído. Está en proceso de constitución e pouco a pouco irá desenvolvéndose. É certo que en Europa existen AECTs para xestionar hospitais ou transporte transfronteirizo e AECTs que se limitan simplemente a executar proxectos europeos. Depende do uso que se lle queira dar. Non está claro pero non quere dicir que non se vaia a facer.

"O río Miño é un fenómeno xeopolítico moi importante. Ten uns valores intrínsecos e endóxenos que consideramos que se deben por en valor e que se deben ver de xeito conxunto."


-En relación co ámbito lingüístico e cultural, estase pensando en realizar algún proxecto?

-Por suposto, un dos nosos obxectivos que marcan os estatutos de xeito xeral, é a potenciación  da nosa realidade cultural e lingüística e patrimonial conxunta que temos cos nosos veciños portugueses. Obviamente o tema cultural e lingüístico, partindo da base de que temos un pasado en común e unha lingua en común é algo que vai ser un dos eixos a da AECT Río Miño.