Advirten dos "graves riscos sociais" que implica a Lei de recursos naturais

O SLG anuncia que presentará alegacións ao anteproxecto.

A Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galicia, coñecida como Lei de recursos naturais, afonda na desprotección do rural e abre a porta a macroproxectos industriais nese territorio.

Esta é a denuncia que esta cuarta feira realizou o Sindicato Labrego Galego (SLG), que anunciou que presentará alegacións ao anteproxecto da norma, que actualmente está en exposición pública.

Unha lei, sostén esta organización, que implicará "graves riscos sociais", xa que considera que "favorece empresas mineiras e eléctricas". A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba,  denunciou que o texto profunda "na desprotección" da poboación rural ao posibilitar a fragmentación eólica, eliminar o rexistro eólico —"única fonte de información que permite a día de hoxe ir facendo un seguimento da implementación masiva de proxectos"— e debilita as declaracións de impacto.

Macroproxectos

 "Esta lei situaría os macroproxectos industriais como principais suxeitos de dereitos sobre o noso territorio e o noso recursos", asegura. Entre outras cuestións, alértase de que a futura lei favorece a instalación de macroestruturas empresariais sen límites de altura nin extensión, priviléxiase o gasto de auga e ocupación de terras por negocios privados en detrimento de usos da veciñanza da zona, unido a unha "posíbel invasión de competencias municipais" e unha flexibilización para grandes industrias. 

A este respecto, Vilalba reflexionou acerca de que a Galiza conta cunha das porcentaxes de superficie agraria útil máis baixas de Europa, polo que maior presión industrial implicará empeorar esta situación e maiores custos para as explotacións.