A POSTA EN MARCHA DAS MEDIDAS DEMOROUSE 2 HORAS

Advirten da falta de rigor na aplicación do protocolo do ébola no CHUAC

[Imaxe: CIG-Saúde]

María Seijo, secretaria comarcal da CIG-Saúde, faise eco da “confusión” e do “desconcerto” que padeceron os traballadores e traballadoras do CHUAC ante a aplicación do protocolo do ébola, que sufriu unha demora de dúas horas.

En conversa con Sermos Galiza, a secretaria comarcal da CIG-Saúde, María Seijo, denuncia a incorrecta aplicación do protocolo que se debe activar para casos de ébola no CHUAC, onde no día de onte ingresaba un paciente guineano cun cadro clínico que fixo activar as alertas. Este cidadán acudiu ao servizo de Urxencias do hospital coruñés ás 14h desta terza feira, “na sala de triaxe, onde se determina a gravidade das doenzas dos e das pacientes, a enfermeira xa alertou dos síntomas e da procedencia do enfermo”. Porén, o protocolo do ébola activouse ás 16h, tal e como informa a sindicalista.

María Seijo advirte de que o retraso se debeu á confusión da procedencia do doente, “malia a advertencia da enfermeira, decidiuse pasar o paciente a unha sala de control en compañía doutros pacientes que esperaban a ser atendidos e atendidas porque non se coñecía ben a orixe do enfermo”. Deste xeito, as primeiras intervencións, exploracións e extraccións de sangue fixéronse sen ter activado o protocolo. “Activouse ás 16h, unha vez o subdirector de Saúde Pública conseguiu o pasaporte do mozo guineano”, explica.

As primeiras intervencións, exploracións e extraccións de sangue fixéronse sen ter activado o protocolo

A responsábel de CIG-Saúde na comarca da Coruña dá conta da creación dun gabinete de crise no hospital e da reunión que os e as sindicalistas mantiveron con membros da Xerencia, “déronnos detalles pormenorizados da situación, eloxiaron o traballo do médico e da enfermeira que se ocuparon durante a quenda de tarde e durante a quenda de noite do paciente e aseguraron que o protocolo funcionara de xeito rigoroso e profesional”. Con todo, María Seijo sinala que “a información da que eu dispoño polo meus compañeiros e compañeiras non é a mesma, pois houbo confusión e moito desconcerto”. “Producíronse situacións que apuntan a que non houbo rigor nas operacións”, engade.

Que implicou a activación do protocolo?

“É obvio que a activación do protocolo non é boa desde o momento en que se produce unha demora de dúas horas”, denuncia a sindicalista, quen sinala que desde ese momento o doente permaneceu entre unhas mamparas no medio do corredor. No que respecta ás mostras de sangue, critica que non foron procesadas cun tratamento especial, como debería ser neste caso, no laboratorio de Urxencias. Tamén é crítica coa demora do traslado do paciente ao hospital Meixoeiro de Vigo, centro de referencia para o ébola en Galiza, que non tivo lugar até as 7.30 da mañá de hoxe.

María Seijo critica a demora na activación do protocolo e no traslado do doente ao Meixoeiro

Polo de agora, un total de 18 sanitarios e sanitarias que estiveron en contacto co doente -8 que estiveron en contacto nunha contorna de menos de un metro de aproximación e 11 que estiveron en contacto nunha contorna de máis de un metro- permanecen en situación de illamento social. Ademais, a Xerencia ten identificadas as persoas pacientes que compartiron sala con este mozo guineano. As zonas nas que permaneceu o paciente foron desinfectadas de xeito especial, aínda que a limpeza da sala de triaxe sufriu un atraso considerábel.

O servizo das Urxencias, un "caos"

Pola outra banda, María Seijo indica que, con independencia deste posíbel caso de ébola –cuxa primeira proba deu negativo- existe entre os e as profesionais unha gran preocupación pola situación de “caos” que se vive nas Urxencias do CHUAC. Ponnos como exemplo que na noite pasada un total de 30 doentes tiveron que permanecer en padiolas á espera de ser atendidos.