Ecoloxistas en Acción oponse á central hidroeléctrica de bombeo de Naturgy

As Conchas, un encoro altamente tóxico

Aspecto do río Limia ao seu paso polo encoro das Conchas (Foto: Plataforma 'Auga Limpa Xa').
A eléctrica Naturgy proxecta a construción dunha central hidroeléctrica de bombeo nas instalacións dos encoros limiaos de Salas e As Conchas, este último moi afectado polas toxicidade da cianobacteria, un microorganismo que impide o inzamento doutras formas de vida animal ou vexetal.

A eléctrica Naturgy tramitou a comezos de ano o proxecto de conversión dos encoros de Salas e As Conchas, na comarca da Baixa Limia, nunha central hidroeléctrica de bombeo que ocupará terreos dos concellos de Muíños, Lobeira, Lobios e Entrimo. As obras contan cun orzamento de 350 millóns de euros e un prazo de execución de seis anos.

O encoro das Conchas padece unha gran contaminación por mor do inzamento dun microorganismo, a cianobacteria, que produce unha toxina que é considerada unha arma biolóxica polas graves afeccións que provoca tanto nos seres humanos coma nas plantas e os animais.

O proxecto de bombeo das augas que propón Naturgy provocaría o desprazamento das augas contaminadas das Conchas cara ao encoro de Salas, e en consecuencia este espazo tamén se vería afectado pola bacteria.

En declaracións a Nós Diario, Alberto Riveiro, portavoz de Ecoloxistas en Acción, lamenta que a central hidroeléctrica non só non solucionará a problemática actual, senón que a agravará: "A cunca do río Limia é moi deficitaria, polo que o encoro está fechado constantemente, e se se reconduce a auga cara a Salas, vaise contaminar unha auga limpa", salienta.

Xurros da gandaría intensiva

Riveiro sinala á gandaría intensiva da zona como culpábel da presenza do microorganismo nas Conchas: "Temos un problema coa vertedura de xurros na Limia, que equivale ao que xeraría unha poboación dun millón de persoas. Os xurros xeran nitratos e estes fan que só floreza unha alga tóxica, a cianobacteria, que impide a entrada do sol e provoca que o encoro quede sen osíxeno", asegura a este xornal.

Para Ecoloxistas en Acción, a única solución para reverter esta situación pasa por deter a vertedura masiva de xurros a estas augas e iniciar un "proxecto de restauración integral" da contorna: "Debemos recuperar o río Limia e a vexetación da ribeira, que actúa como filtro", destaca Riveiro, quen lembra que a contaminación dos encoros tamén provoca "grandes perdas" no turismo da zona.

Unhas instalacións "desfasadas"

Riveiro advirte que as instalacións actuais dos encoros están "desfasadas" porque "teñen tecnoloxía de mediados do século pasado", e o proxecto non contempla "cuestións que hoxe son obrigatorias" como un sismógrafo: "Parece que non estamos nunha zona sísmica porque non hai moito movemento, mais pode habelos en calquera momento", insiste.