Adriana Romero é ciberactivista

Adriana Romero: “É importante que cada vez haxa nas redes sociais máis xente comprometida co galego”

Adriana Romero é unha firme defensora dos dereitos do colectivo LGTBIQ+. (Foto: Nós Diario)
Adriana Romero é unha ciberactivista que abordar temas como o feminismo, o galeguismo ou a igualdade LGTBIQ+. Baixo o nome de “Galiza en pé”, Romero posiciónase de modo claro en contra das inxustizas sociais e a prol dos colectivos máis desfavorecidos. Considera que as redes son unha ferramenta moi útil para concienciar sobre temáticas que afectan no día a día a moitas persoas.

Como xurdiu o seu interese polo mundo do ciberactivismo?

Desde sempre me considerei unha persoa áque lle dan rabia as inxustizas sociais. Entón, chegou un momento na miña vida no que quería mostrar ese sentimento ao mundo e tomei a decisión de abrir un blog no que expresar as miñas opinións, especialmente sobre veganismo, feminismo, galeguismo, antifascismo, igualdade do colectivo LGTBIQ+... Posteriormente tamén decidín abrir unha canle en YouTube, xa que me parecía un formato no que podía falar de diversos temas e explicalos dun modo moito máis sinxelo. Ademais, iso tamén me podía permitir chegar a máis persoas das que podía alcanzar simplemente co blog. 

E agora mesmo continúa co blog e co YouTube ao mesmo tempo?

Nesta etapa teño o blog algo abandonado e estou máis centrada na miña canle de YouTube e nas redes sociais. A verdade é que co blog non chegaba a demasiada xente e iso tamén me motivou a comezar a gravar vídeos que me permitisen conectar con máis. Non está entre os meus obxectivos chegar a unha cantidade esaxerada de público, pero si ir crecendo pouco a pouco. En YouTube adoito subir vídeo cada dúas semanas. Antes subía un semanal, mais agora, coa carreira, resúltame imposíbel manter ese ritmo de antes. En canto ás redes sociais, intento subir contido da diario.

Que acollida se atopa nas redes con respecto ás súas opinións?

Sempre pode haber alguén que estea en desacordo e o deixe patente nos comentarios dos vídeos ou das redes, mais en xeral, a gran maioría de comentarios que recibo son de xente que comparte o meu modo de entender os temas dos que falo e que me apoia para seguir.

Penso que non hai ningunha persoa que veña ao meu perfil sistematicamente a criticar por criticar. Polo de agora tiven a sorte de non atoparme con case ninguén que se comportase así nas redes.

Nese sentido, algunha vez alguén do seu círculo de achegados lle dixo que non falase dun tema para non exporse demasiado?

No que respecta ás miñas amizades, sempre recibín o seu apoio incondicional para seguir adiante con todos os temas. No caso da miña familia, si que houbo algunha vez no que algunha persoa me dixo que quizais debería estar calada e non falar de certos temas nin posicionarme, pensando sempre en que iso me evitase problemas, críticas e comentarios malferintes por parte de persoas que estean en desacordo. A intención da miña familia é protexerme, non que non poida opinar o que eu queira. Deles tamén recibo moito apoio para continuar.

Foi difícil dar o paso de converterse nunha persoa pública?  

Foi difícil porque son unha persoa moi tímida. Na vida me imaxinara que ía ter unha canle en YouTube. Custoume ao principio exporme, xa que sempre existe o medo a que na zona na que vives non lles pareza ben o que fas ou se rían de ti por gravarte e falar sobre certos temas. Mais iso foi pasando. Desde que inaugurei a canle até agora, a verdade é que perdín moita vergoña e xa non son unha persoa tan introvertida.

Que papel xogan as activistas á hora de normalizar que se fale de certos temas?

Penso que é moi importante que todas as persoas que fan activismo nas redes sociais sigan a facelo, xa que é unha boa forma de chegar a xente. É importante que cada vez haxa máis persoas con ese compromiso, que o fagan en galego e que traten temas sociais para darlles visibilidade. Se se pode concienciar unha soa persoa máis e que saiba dun tema que antes non coñecía, o obxectivo está conseguido.