Enxeñeiro forestal estudoso dos insectos das covas de Folón

Adrián Moreira: "Contamos 12 novas especies de insectos, co que o resultado foi máis que gratificante"

Imaxe de Adrián Moreira nas covas do Folón, en Coruxo (Vigo). (Foto: Nós Diario)
En 2016, Adrián Moreira comezou a mergullarse no seu Traballo de Fin de Grao (TFG), baixo a dirección do catedrático Adolfo Cordero. O estudo centrouse nas covas do Folón, na parroquia de Coruxo, en Vigo, unhas cavernas graníticas nas que descubriron 115 especies de artrópodos nos que se distinguiron, entre outros, un platidésmido do que só hai catro especies ibéricas, dúas das cales se atopan na Galiza.  

Como nace a idea de facer este traballo sobre as covas do Folón?

A miña casa está a dez minutos das covas, así que buscando tema para o TFG co meu director, o profesor Adolfo Cordero, resultounos interesante investigar nelas. Incluímos o traballo nun ENIL (Espazo Natural de Interese Local) e empezamos a traballar usando, nun comezo, sensores de temperatura e humidade para saber como eran as covas a nivel de climatoloxía, xa que por dentro circula un río e debiamos saber se iso influía ou non, e tamén coñecer que seres habitaban alí.

Fixemos pequenas mostraxes manuais, con trampas de caída, como un bote de cristal, normalmente cunha sobresaturación de auga e sal para que os insectos caesen e se conservasen, e tamén un tubo de ensaio con queixo azul, unha trampa na que o insecto quedaba encerrado, o que nos permitía capturar hexápodos que non estaban á vista. Non deixabamos as trampas máis de 15 días tentando non ser agresivos coa contorna, porque non sabiamos a cantidade de fauna que podía haber.

No confinamento démoslle o último impulso, mais o que nos custou foi identificar todos os espécimes porque moitos son moi raros e hai que atopar a persoa especialista. 

Fálenos dos insectos que descubriron neste tempo.

Nas primeiras apreciacións apareceu algún opilión, e era a primeira vez que se describía nas áreas de  Pontevedra e do sur de Ourense; pero si se referira na cova do Rei Cintolo (Mondoñedo). Logo apareceron outras especies, como a araña Meta menardi, que é a primeira vez que se nomea na Galiza e ten unha distribución ampla en Europa, Turquía e Irán.

E quizais, o que máis podería sorprendernos foi o Dolistenus iberoalbus, un animal que se describiu recentemente, en 2015, e conta só con catro especies ibéricas, das que dúas se atopan na Galiza.

A primeira vez que se describiron foi pola zona de Avión e descubríronse un pouco por accidente e por todas estas particularidades, se cadra, é o descubrimento máis importante. 

En total son 12 as novas citas na Galiza e na área de Pontevedra, así que o resultado foi máis que gratificante. E tamén apareceron especies como Lithobius schubarti, un cempés totalmente branco do que detectamos a súa primeira presenza na Galiza.

E logo as exclusivas da área de Pontevedra, como o opilión Nemastomella dentipatellae ou a Stenophylas sequax. Todo o que apareceu novo é moi importante.

Sei que urxen a necesidade de conservar este espazo...  

É unha das nosas ideas, darlle a protección que consideramos que deben ter, para que non se deterioren, como xa vimos que está a pasar. O acceso a elas é fácil, sobre as zonas comúns, e cando empezamos a traballar alí vimos que había pintadas e mesmo cabichas en zonas máis profundas das covas. Xa en 2016 tentamos tratar co concello o tema da conservación, pero aínda non tivemos resposta.

Que hai de novos proxectos?

Estou a facer un mestrado de Biodiversidade terrestre, de carácter interuniversitario na Galiza, e estou xa co Traballo de Fin de Máster (TFM). Realizamos un estudo faunístico ampliado ás covas da Trapa, que están entre o parque natural do monte Aloia e a serra do Galiñeiro, que pertencen a Tui e son moi parecidas ás covas do Folón, tamén graníticas por colapso do sistema, pero non tan profundas.

Comparamos os dous sistemas e vou desenvolvendo un diagrama para calcular o número de especies que debería haber, mediante unha curva de rarefacción para saber se estamos preto de atopar todas as especies que habitan as covas ou non, no Folón e na Trapa, onde é todo novo. Agardo presentar o TFM o 3 de marzo.