Denúnciao Esquerda Unida

A adquisición de fármacos polo Sergas incumpre procedementos da Lei de Contratos Públicos

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria subliña a mala praxe á hora de optimizar a compra de fármacos, segundo vén de denunciar Esquerda Unida.

O último Informe do Consello de Contas recolle como gasto farmacéutico da Xunta vai aumentando gradualmente  nestes anos, pasando de 30% en 2014 a 36% en 2016), “con opacidade e incumprimento os procedementos establecidos na Lei de Contratos Públicos”, segundo denuncia Esquerda Unida.

 

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria indica, explica EU, que á hora de adquirir produtos, “malia a existencia de protocolos ou instrucións internas, estas non se cumpren”. Por iso o sistema de información sobre a adquisicións e consumos de fármacos, (coñecido como a Aplicación SINFHOS), “non proporciona información sobre os prezos ofrecidos por diferentes laboratorios, e non conserva o historial”, o que imposibilita unha posición vantaxosa de cara a optar por fármacos máis accesíbeis. Ao non cumprirse o protocolo, “isto xera unha falta de homoxeneidade nos datos rexistrados”, en consecuencia, “non é o suficientemente efectivo e non permite a optimización de recursos”, así como o control do gasto.

 

Ademais, prosegue afirmando Esquerda Unida, a documentación relativa ás adquisicións e condicións de subministración dos produtos carece de sistematización, o que impide un cumprimento efectivo dos trámites establecidos na normativa reguladora dos contratos do sector público.

 

Aínda que o que máis chama a atención, dentro destas malas prácticas de acordos con laboratorios, é que “nalgún caso rexístranse pagos por outros servizos, tales como “becas, cesión de equipos o mantemento dunha páxina web” así como unha “práctica estendida por parte dos laboratorios de ofertar bonificacións consistentes nun abono contable en función do volume de adquisicións, sen que isto se recolla de forma axeitada.