Sindicato Unificado de Policía pide declarar persoas “non gratas” os alcaldes de Pontevedra e Santiago

Adopta a decisión polas críticas dos rexedores ás cargas policiais do 1-0 en Catalunya.

Criticar as cargas policiais do 1-0 en Catalunya, que provocaron centos de persoas feridas e foron denunciadas por medios internacionais e organizacións de defensa dos dereitos humanos, implica ser considerada persoa “non grata” por sindicatos policiais. É o que vén de facer o SUP, Sindicato Unificado de Policía (SUP) cos alcaldes de Pontevedra e Santiago de Compostela.

 

Nun escrito presentado na Delegación de Goberno, o sindicato policial afirma que “non é de recibo” que as autoridades municipais “que representan a toda a cidadanía” critiquen as actuacións das forzas de seguridade do estado (FSE) en Catalunya. O SUP engade que nos plenos municipais de ambos os dous concellos non se aprobaron mocións presentadas en apoio a este labor das FSE. Algo do que responsabiliza “os votos dos alcaldes desas cidades”.

 

Para o SUP, os axentes teñen que actuar en catalunya nun contexto de “hostilidade” e sofren “numerosos ataques”, sendo “vítimas de insultos e incluso agresións”.