Adolfo Baloira: "A combinación de plasma hiperinmune e antiviral é moi prometedora"

Adolfo Baloira Villar, xefe de Pneumoloxía do Hospital de Pontevedra.
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra acaba de probar con éxito un tratamento pioneiro cunha paciente de COVID-19 de alto risco que deu positivo por segunda vez. Nós Diario conversa con Adolfo Baloira, xefe de Pneumoloxía e responsábel da atención ás pacientes contaxiadas da área de Pontevedra e O Salnés.

—Cantos tratamentos diferentes teñen probado xa fronte á COVID-19?

De súpeto, encontramos cunha enfermidade nova e non sabiamos que facer. Atendemos ao que facían na China, onde tiñan máis experiencia e probaran moitas cousas. De inicio, usamos a hodroxicloroquina. Parecía que podía diminuír a entrada do virus nas células, mais nunca se puido comprobar. Asociado a este tamén empregamos un fármaco que utilizaba contra o virus da sida, xa que se constatou que teñen arredor de 60% de ARN similar e pensouse que podería inhibir o coronavirus. A medida que fomos obtendo información vimos que non servía en absoluto. É máis, tiña moitos efectos secundarios. Aquí, á segunda semana de empezar a tratar o primeiro paciente que nos chegou, o 7 e marzo, xa deixamos de usalo e creo que foi unha das boas decisións que tomamos durante a etapa inicial da pandemia.

—Tamén se confirmou que a hidroxicloraquina non axudaba as pacientes con coronavirus.

Si, a hidroxicloroquina podía incrementar o risco de ventilación mediante intubación orotraqueal e mesmo aumentar a mortalidade debido a alteracións no corazón. De feito, a Organización Mundial da Saúde suspendeu un ensaio clínico que se estaba realizando ao observar estes perigos. Polo tanto, estabamos empregando fármacos que non eran moi eficaces e que mesmo podían producir danos. Como a azitromicina, un antivírico que tamén se usou e que asociado á hidroxicloroquina, quedou claro que aumentaba o risco de arritmias graves no corazón.

Para min o máis importante é que se descubriu que este virus, nalgúns pacientes, podía provocar unha tormenta de citoquinas, unha inflamación explosiva que se producía en poucas horas e encher os pulmóns de células inflamatorias cun risco de mortalidade altísimo. Ao saber isto, o que procuramos foi inhibir algunha destas citoquinas para mellorar as condicións das doentes. Entón, probamos o tocilizumab, un fármaco que inhibe unha destas citoquinas e que á súa vez inhibe a produción doutras. Nós fixemos un uso precoz deste medicamento e creo que tamén foi un acerto, porque doentes que estaban moi mal, en 24 horas obtiñan unha mellora radical. Foi dos mellores que empregamos.

—En que momento se empezou a considerar o remdesivir?

Faltábanos un medicamento que de verdade actuase contra o virus. Os que estaban en estudo non eran eficaces. Entón apareceu o remdesivir, que se empezara a probar contra o virus do ébola. Ao se frear a epidemia non deu tempo a completar o ensaio, polo tanto, segue a ser un fármaco baixo investigación. Hai un macroestudo mundial para coñecer ben o seu alcance, porque había indicios que facían pensar que podía atarcar o SARS-Cov-2. 

E foi cando chegou a nós esta paciente que estaba sendo tratada por un linfoma. Deu positivo por coronavirus. Despois de tres semanas démola por curada. Mais fora tratada con rituximab, un medicamento moi eficaz contra tumores como seu que deixan a paciente sen capacidade para producir defensas. Ás dúas semanas de ser dada de alta volveu ter febre moi alta. Despois de tres días veu polo hospital e deu positivo de novo, cunha concentración de coronavirus moi elevada.
Ante esta situación de inmunodepresión tan poderosa nunha paciente de alto risco, decidimos arriscar e preparar un cóctel a base de plasma hiperinmune e do único antivírico que parece que ten posibilidades de atacar o virus.

—O resultado foi un éxito.

 Xa o foi o proceso. En só catro horas conseguimos o plasma necesario e, á mañá seguinte, xa tiñamos o permiso da Axencia Española do Medicamento para poder usar o remdesivir coas súas catro doses correspondentes. Despois de dous días na UCI, con boa evolución, a radiografía de control xa non revelaba rastro de pneumonía e en cinco días a PCR foi negativa, cando con tratamentos convencionais tardamos uns 15 en eliminar o virus. Mesmo hai pacientes que tardan 40 días. 

—Que esperan destes resultados?

De entrada parece unha moi boa combinación. Ao usar dous medicamentos de forma simultánea é imposíbel saber cal é o máis importante, mais esta asociación foi efectiva nunha paciente cunha enfermidade grave e unha resposta nula fronte ao coronavirus. A recomendación podería ser para pacientes graves cunha carga viral elevada e con baixa capacidade de defensa, persoas maiores, con sobrepeso, con enfermidades crónicas importantes. A falta dun ensaio clínico, parece unha combinación moi prometedora. Neste momento, unha das mellores que podemos ofrecer a pacientes con doenza grave por COVID-19.

Un rebulsivo social, médico e científico

Á espera de confirma se a única paciente de COVID-19 ingresada a día de hoxe no Hospital de Pontevedra sufriu unha reinfección ou unha reactivación do virus, que puido quedar latente no seu corpo, Adolfo Baloira asegura que o coronavirus foi "un rebulsivo para o planeta a todos os niveis". "Pasamos bastante dos virus e decatámonos de que somos moi vulnerábeis".

Reclama máis investigación neste campo, para anticipar posíbeis problemas, e unha revisión profunda das eivas do sistema de saúde. "Creo se descoidaron aspectos esenciais da sanidade durante os anos da crise: recursos humanos, materias e de estrutura. Cómpre revisar estas carencias porque temos que dispor sempre un pouco máis do que se precisa para atender as necesidades inmediatas. Ten que ser así co fin de poder resolver problemas que nos poñan ao límite das nosas capacidades".