En liberdade tres adolescentes da Estrada acusados de agredir sexualmente unha menor de idade

Concello da Estrada (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez).
Os delitos contra a liberdade e a intimidade sexual aumentaron 22,63% na Galiza durante o ano 2021.

A Garda Civil española interrogou no día de onte tres adolescentes naturais da Estrada, acusados de agredir sexualmente unha menor de idade que tamén vive no concello.

Os tres mozos, que foron citados a declarar nas dependencias do Instituto Armado da capital de Tabeirós, quedaron en liberdade a disposición da Fiscalía de Menores, após os proxenitores da presunta vítima da agresión presentaran unha denuncia o pasado 17 de marzo.

Polo de agora non trascenderon detalles de cando e onde ocorreu a agresión, pero a Garda Civil xa abriu dilixencias para dilucidar o sucedido e que consecuencias pode ter para os presuntos agresores.

Mentres a investigación avanza, e a falta de novas disposicións xudiciais, os tres mozos quedarán baixo a custodia dos seus respectivos proxenitores.

Aumento dos delitos sexuais na Galiza

Os delitos contra a liberdade e a intimidade sexual aumentaron 22,63% na Galiza durante o ano 2021, pasando de 547 en 2020 a 707 o ano pasado. Estes datos foron proporcionados na segunda feira pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lourenzá, que compareceu para informar dos datos de 2021 relativos á violencia de xénero que cualificou de "realmente preocupantes".

Segundo trasladou Lorenzá, as denuncias por violencia de xénero no país aumentaron 2,97% o ano pasado, até as 6.259. Pola contra, as medidas de protección ditadas polos xulgados baixaron 5,92%, pasando de 1.131 en 2020 ás 1.064 de 2021 Así mesmo, o pasado ano houbo unha vítima mortal na Galiza, o caso de Mónica Marcos, de 52 anos, asasinada na cidade da Coruña.