Admitida a trámite unha denuncia pola "ilegalidade" das corentenas nos cárceres galegos

Concentración fronte ao cárcere de Teixeiro, o pasado 8 de febreiro (Foto: Nós Diario).
"Mentres no exterior parece que volta a normalidade, nas prisións continúan este tipo de restricións abusivas", lamentan.

Varias familias de persoas presas nos centros pentienciarios da Lama e Teixeiro presentaron recentemente unha denuncia "pola imposición de corentenas arbitrarias e ilegais".

Esta práctica, sinalan a través dun comunicado, "vense desenvolvendo nos cárceres galegos desde hai dous anos coa escusa da pandemia". Agora o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 10 vén de admitir a denuncia a trámite.

A admisión do escrito, destacan, "considera a arbitrariedade coa que as direccións dos cárceres, abalados por Institucións Penitenciarias, determinan a prohibición das saídas por permisos, visitas íntimas e familiares e a realización de corentenas despois das mesmas, sen fundamentos sanitarios".

Así, o colectivo de familiares pon o foco no "abuso de poder" que supón a imposición de "corentenas posteriores a unha visita que pasan de cinco a dez días sen xustificación ningunha".

"Fechan as saídas por permiso ao mesmo tempo que no exterior abre o lecer nocturno e, en definitiva, vulnérase o regulamento penitenciario sen aportar ningún tipo de xustificación", engaden.

Este primeiro paso a través da vía xudicial é para as familias das persoas presas "unha pequena vitoria para evitar que se continúe a abusar das medidas sanitarias para infrinxir castigos que son considerados tortura na propia lexislación internacional", e neste senso lembran que "a Lei Mandela considera como tal o illamento prolongado durante máis de 14 días, práctica que ten sido recorrente durante estes últimos anos coa escusa da Covid".

"Entendemos que este non é o final do camiño e queremos pór o acento sobre a situación actual nos cárceres galegos: mentres no exterior parece que volta a normalidade, nas prisións continúan este tipo de restricións abusivas", conclúe o comunicado.