Admitida a trámite unha demanda contra a CRTVG por vulneración de dereitos fundamentais

Sánchez Izquierdo

O director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, debe comparecer o vindeiro 9 de xaneiro no Xulgado de Compostela. O motivo da demanda radica nunha serie de manifestacións realizadas no Parlamento polo director xeral contra unha traballadora.

O Xulgado do Social de Compostela admitiu a trámite unha demanda de tutela de dereitos fundamentais e indemnización de danos e prexuízos fronte á CRTVG presentada por unha traballadora da compañía. O director xeral da Corporación de radio e televisión de Galiza, Sánchez Izquierdo, deberá comparecer o vindeiro 9 de xaneiro nos xulgados da capital de Galiza.

 

A demanda ten a súa orixe na comparecencia do 30 de outubro de Sánchez Izquierdo perante a Comisión parlamentar permanente de control da CRTVG. Entre as preguntas a responder polo director xeral, unha do PSdeG sobre a noticia publicada a principios de mes por diversos medios que informaban como unha traballadora da CRTVG fora obrigada a omitir en directo unha noticia negativa para o PP.

 

“Menoscabo da súa honra profesional”

 

Segundo o texto da demanda, á que tivo acceso Sermos Galiza, o máximo responsábel empresarial da CRTVG “excédese nas súas funcións“ e realiza unha intervención en sede parlamentar “da que se destila a revelación de datos protexidos da traballadora, unha serie de acusacións de transgresión do réxime disciplinario empresarial, e un continuo menoscabo da súa honra profesional nunha diatriba atentatoria dos seus dereitos fundamentais”.

 

No concreto, indícase na denuncia, o director xeral descualificou a traballadora durante a súa comparecencia por estar en prácticas, para alén de acusala “de insubordinación laboral e graves ofensas a compañeiras de traballo”. Ademais, explícase na demanda, Sánchez Izquierdo tamén acusou esta persoa de “descoñecemento ou mentir sobre as normas deontolóxicas tanto profesionais como empresariais”. Para poñer o ramo, o comparecente na comisión revelou (“até en 3 ocasións”) a condición de afiliada sindical da traballadora, “circunstancia non comunicada á empresa nin publicamente pola mesma”.

 

Así pois, prosegue, o director xeral realizou en público, “na máxima Cámara de representación de todas as galegas e galegos, cuxa emisión se realiza en aberto e en directo para toda a poboación”, unha “permanente descualificación” da valía profesional da traballadora, “como reacción ás súas lexítimas discrepancias e ás súas queixas e demandas fronte a empresa”

 

Vulneracións

 

A demandante considera que se dan unha serie de vulneracións do dereito á liberdade sindical, do dereito á intimidade e do dereito á honra e dignidade profesional, entre outros. “Hai un desprezo á honra e á dignidade da traballadora no traballo, ao constituír esta conduta escarnio público con ampla difusión da súa persoa e sobre todo, da súa valía profesional como xornalista”, recolle o texto da demanda.

 

Por todo isto, solicítase que se condene á parte demandada a unha indemnización por danos e prexuízos pola contía de 105.000 euros, así como que se condene o director xeral a ler a sentenza na vindeira reunión da comisión de control parlamentar da CRTVG, e que ese auto se publique na intranet da compañía e que se remita por mail a todo o cadro de persoal.

 

Fontes do comité de empresa contactadas por Sermos Galiza consideran moi grave o sucedido na comisión parlamentar do pasado 30 de outubro. 

 

Pregunta de En Marea

 

En Marea vén de presentar unha pregunta para a súa resposta na comisión parlamentar de control á CRTVG sobre esta demanda. No texto da cuestión, a formación pide explicacións a Sánchez Izquierdo a raíz das súas declaracións na comisión do pasado 30 de outubro e que deron pé á demanda. Así, pregúntalle pola revelación feita por el da afiliación sindical  da traballadora ou polas acusacións de “insubordinación laboral”, entre outras. Tamén lle pregunta sobre que fará en caso de que a demanda contra a CRTVG dea nunha sentenza condenatoria.

 

Aliás, tamén fará En Marea varias preguntas sobre a denuncia de manipulación informativa presentada pola traballadora, que foi obrigada a omitir en directo unha noticia negativa para o PP. En Marea denuncia que “a censura e protección dos intereses informativos do PP é constante” e pide a Sánchez Izquierdo que explique o proceder da compañía.