Admitida a querela contra DomusVi por neglixencia médica

Carmen Barreiro tiña "unha úlcera do tamaño dun puño" (Foto: Plataforma REDE).
'Nós Diario' informara o pasado xaneiro do ocorrido no centro de maiores de Monforte, onde unha usuaria perdeu a mobilidade por mor dunha úlcera.

A Xustiza vén de admitir a trámite a querela presentada contra a conselleira delegada do conglomerado de residencias de anciáns DomusVi, Josefina Fernández, por presunta neglixencia médica nos coidados.

Así, estudarase se houbo indicios de delito no caso da residente do centro de Monforte de Lemos Carmen Barreiro, que, segundo explicaba o pasado mes de xaneiro a Nós Diario a súa neta, Iria Álvarez, "tiña unha úlcera nun pé do tamaño dun puño".

"A miña avoa entrou na residencia andando, polo seu propio pé, e sen limitacións. Vinme obrigada a ingresala porque presentaba un problema ansioso-depresivo que me impedía prestarlle os coidados que requiría e non por outras razóns médicas, dado que se atopaba en bo estado de saúde sen prexuízo dos problemas derivados da idade", relataba. A muller perdeu a mobilidade por mor da úlcera.

Síntomas de desnutrición e numerosas úlceras

Nun informe asinado polo seu propio médico, ao que tivo acceso este xornal, indícase que a anciá presentaba "úlceras de cúbito nos talóns e desnutrición", alén dun "gran deterioro cognitivo". O documento asegura, así mesmo, que a doente "non presentaba ningunha sintomatoloxía" no momento do seu internamento na residencia.

Esta sexta feira comezan as dilixencias preliminares nos Xulgados, e están chamadas a declarar dúas enfermeiras do centro. As e os traballadores consultados daquela por Nós Diario denunciaron o "incumprimento das ratios" e a escaseza de medios: "As caídas nas residencias son consecuencia da falla de persoal para prestar atención ás e aos usuarios".

Nova causa xudicial contra Josefina Fernández

O pasado mes de xullo, o Xulgado de Instrución nº 3 de Cangas abriu dilixencias contra Josefina Fernández e mais outros dous cargos da Consellaría de Política Social por presuntos delitos de "homicidio, lesións por imprudencia profesional e abandono de discapacitados".

A xestión da conselleira delegada de DomusVi durante a pandemia da Covid-19 foi obxecto de numerosas críticas, en especial após coñecerse a nova da súa vacinación irregular en xaneiro pasado.