EUGENIA ALONSO, DESAFIUZADA EN VIGO

“As administracións téñenme desprotexida e abandonada”

Eugenia Alonso [Imaxe Aequistres ]

Conversamos coa veciña de Vigo despexada por orde xudicial esta cuarta feira na cidade olívica. 

O timbre soou ás 11 horas da mañá. Catro axentes da Policía Nacional se presentaron na vivenda sita na rúa Jenaro de la Fuente de Vigo coa orde de baleirala. Nela vivía Eugenia Alonso, de 50 anos, xunto ao seu fillo Juan Francisco de 20. Non houbo aviso previo, mais no piso apenas quedaban dúas camas. Eugenia sabía que este momento chegaría calquera día. O Xulgado de Instrucción nº6 de Vigo ditara o 28 de xaneiro que ou abandonaba a vivenda de forma voluntaria ou se procedería a unha expulsión forzosa por un delito de usurpación.

Non houbo aviso previo, mais no piso apenas quedaban dúas camas

“As representantes legais me dixeron que estivera tranquila, que presentaramos un recurso e estaban buscando solución. Pero non se nos comunicou nada desde os xulgados”, explica a afectada. Nin o recurso, nin as peticións de axuda solicitadas á Xunta e o Concello de Vigo recibiron resposta. Eugenia e Juan Francisco quedaron o 10 de febreiro sen teito, tan só un ano e medio despois de sufrir un primeiro desafiuzamento. 

Por que ocupaban unha vivenda? “Porque me botaron da casa onde vivía en xuño de 2014, non tiñamos onde meternos”, conta con raiba. Os escasos ingresos da axuda familiar que percibía nese momento ían directos ao pago do aluguer. Por ese motivo, Eugenia localizou unha vivenda que levaba abandonada desde 2011, e deshabitada durante máis anos. “E volveireno a facer se non me ofrecen axuda, na rúa non nos imos a quedar”.

Os escasos ingresos da axuda familiar que percibía nese momento ían directos ao pago do aluguer

Eugenia Alonso leva sete anos loitando por saír adiante, por encontrar a fórmula para ter unha vida digna. Atrás deixou o maltrato continuado do que foi vítima por parte do seu ex marido, condenado en 2007. Con catro fillos -tres deles menores nesas datas- sen ingresos nin vivenda estable, foi sorteando as adversidades, con traballos por días como limpadora ou con prestacións puntuais. Estirando a corda, sempre no fío, coa ameaza de derrubarse todo. 

“Eu sinto que as Administración me teñen desprotexida e abandonada”, reclama. 

Eugenia Alonso foi maltratada durante anos polo seu ex marido

Eugenia entrou na espiral dos servizos sociais. Preguntou aquí e acolá, buscou en cada instancia, sen atopar unha saída. Solicitou unha vivenda no programa para vítimas de violencia machista, tamén o 'salario liberdade' para mulleres maltratadas. Ningunha foi aprobada por mor dos restrictivos requisitos. Tampouco a vivenda de protección pública, que espera desde 2010, cando lle comunicaron que estaba na lista de espera para adxudicala. 

Para a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, que acompaña o seu caso, é un exemplo máis “deste sistema que prioriza a propiedade privada e os intereses mercantilistas por riba dos dereitos e as necesidades das persoas”. 

“Tiven que facelo antes, facelo público, pero fun moitas veces cobarde. Agora vou maior, xa me doen menos prendas e os meus fillos son adultos... Pero eu non podo vivir así, é para volverse tola”, sentencia Eugenia Alonso.