As Administracións discrepan sobre o atraso na limpeza da ría do Burgo

Losada, fotografado, durante a reunión virtual cos alcaldes. (Foto: Nós Diario)
O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, asegurou a representantes dos catro concellos con intereses no estuario que nesta lexislatura se fará o dragado. No entanto, culpou dos atrasos a un trámite pendente por parte da Xunta.
O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, atribuíu a discrepancias "xurídicas", que non "políticas", o atraso na rexeneración da ría do Burgo, pero manifestou que esta será a lexislatura na que se vai pór "en perfectas condicións ambientais".
 
Tras unha videconferencia con alcaldes dos municipios próximos á ría -A Coruña, Cambre, Oleiros e Culleredo-, Losada insistiu, en declaracións aos medios, que o Goberno estatal "si ou si quere facer a rexeneración da ría". "Ten o diñeiro comprometido, ten o proxecto aprobado e a licitación preparada desde marzo", recalcou. 
 
As discrepancias "xurídicas" terían a orixe na formulación da Avogacía do Estado, "que estabelece que a Xunta ten que certificar que está libre de cargas, que non hai ningunha concesión vixente, para poder licitar a obra".
 
Por iso, dixo que se trasladou desde o Goberno español á Xunta a necesidade de que aborden esta cuestión as asesorías xurídicas de ambas as Administracións.
 
A Xunta reiterou onte a súa "disposición e interese" en manter "de forma inmediata" unha reunión xurídica "co fin de que se liciten as obras canto antes".
 
A asesoría xurídica da Xunta "xa está en contacto coa Avogacía do Estado para atopar unha solución xurídica que non implique parar indebidamente a actividade marisqueira meses antes do comezo das obras".
 
A situación que sofre a ría do Burgo chegou o 1 de setembro ao Congreso da man do deputado do BNG, Néstor Rego, quen denunciou a “falta de actuación por parte da Garda Civil” na denuncia presentada o 11 de xullo por Adega referente á vertedura de áridos de obra na ría.