Segundo unha responsábel da empresa Ineco

Adif encargou a avaliación de riscos a unha consultora, mais deixou fóra a curva de A Grandeira

Un guindastre retira da vía un dos vagóns sinistrados

A consultora pública Ineco tería avaliado os riscos do traxecto ferroviario Ourense-Compostela até o quilómetro 84,144, o cal deixou fóra do escrutinio a curva de A Grandeira, xusto onde, a 24 de xullo de 2013, se produciu o sinistro en que perderon a vida 80 persoas e outras 144 ficaron feridas.

 

 

Adif non considerou necesario avaliar os riscos da curva de A Grandeira ou no mínimo non encargou que se fixese ese traballo, declarou esta terza feira a técnico da consultora pública Ineco Laura López, citada polo titular do xulgado número 3 de Compostela en calidade de investigada.

 

Laura López foi a encarregada de aprobar o informe de avaliación externa da liña Ourense-Santiago. Está imputada, como tamén o están outros dous técnicos de Ineco, Salvador Arriaga, autor do informe, e Jorge Merino, quen se ocupou de revisar o traballo.

 

A técnico esclareceu que o emprazamento de Santiago -o ámbito que inclúe a curva onde se produciu a traxedia- non foi analisado de maneira "contundente", segundo fontes consultadas por Europa Press. 

 

A análise de riscos tería concluído no Irixo, quilómetro 84,144, sen alcanzar a curva de A Grandeira, que se acha no ponto quilométrico 84,413. A distancia entre ambos pontos apenas é de 300 metros.

 

Esta mesma terza feira, declarou tamén perante o xuíz outro dos imputados, o técnico de seguranza de Renfe, Antonio Lanchares, quen se mantén no seu cargo após ter amagado con demitir.

 

Pola súa parte, as víctimas demandaron o cesamento de Lanchares. Esta mesma segunda feira, de feito, criticaron a súa “demisión ficticia” na que só aprezan “un teatro” e “un amago” que, denuncian, só provoca “máis sufrimento” ás familias.