Adif comeza a retirada dos vagóns do Sil mentres seguen as pesquisas

A caída dos vagóns tivo lugar o pasado domingo, durante os labores para a súa retirada.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) comezou os traballos para retirar do río Sil os vagóns do tren de mercadorías accidentado o pasado 28 de xullo ao seu paso por Carballeda de Valdeorras, e que se precipitaron ao leito fluvial o domingo cando se procedía á súa retirada.

A ese fin, na cuarta feira suspendeu nesta zona o tránsito ferroviario para desenvolver "en condicións de seguridade para os operarios e os medios auxiliares" as tarefas de recuperación, que se prolongarán varios días.

Os labores para a restauración da zona chegan despois de que Adif anunciara unha investigación para aclarar como se precipitaron os dous vagóns desde a vía e depurar responsabilidades, no caso de que proceda.

Tamén a Xunta vén de abrir unha investigación. Axentes ambientais da Consellaría de Medio Ambiente desprazáronse ao lugar para emitir o correspondente informe e estudar se houbo unha infracción nos feitos ocorridos. Igualmente, a  Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade anunciou, tras facerse público o suceso, accións para esclarecer os feitos, e requiriu a Adif información sobre o protocolo de actuacións que se está levando a cabo para a retirada da parte do convoi que se precipitou cara ao río.

Na xornada de onte, Medio Ambiente enviou  aos ministros de Transportes, José Luis Ábalos, e para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, senllas cartas nas que pide que se tomen as medidas "oportunas" para evitar que a caída de vagóns dane o patrimonio natural da contorna. As cartas poñen de manifesto "a existencia dunhas imaxes nas que uns operarios arroxan uns vagóns ao río". Nelas vese como unha máquina escavadora empurra os dous vagóns e un deles deslízase polo terraplén, mentres que o outro queda envorcado á beira da vía.

Sen autorización

Precisamente, os indicios dun posíbel delito ambiental levaron onte a asociación ecoloxista Adega a pedir á Fiscalía que abra unha investigación por presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente pola intervención para retirar o convoi. Segundo advirte a organización, a estrutura, de gran tonelaxe, "está composta por metais de diverso tipo" e "podería conter materiais ou substancias que son moi perigosas para o ecosistema acuático, como é o amianto". 

A asociación considera que o ocorrido "contravén todo o marco normativo vixente" en materia ambiental, de residuos, de planificación hidrolóxica e de protección das augas e sinala ademais que as actuacións en dominio público hidráulico requiren autorización previa do organismo responsábel da conca, neste caso, a Confederación  Hidrográfica Miño-Sil.

Na xornada de onte, este organismo emitiu un comunicado no que asegura que non deu a súa autorización á manobra para retirar os vagóns do tren accidentado en Carballeda de Valdeorras nos termos nos que o Adif comunicou e que iniciou dilixencias previas pola caída ao leito do Sil de dous vagóns. Nel, o seu presidente, José Antonio Quiroga, apunta que o propio domingo se abriu "unha instrución" que segue en marcha.

"Contamos con que, ao final da semana seguinte estea instruído e incoado o expediente, que ten que pasar por unha sanción económica e, o máis importante, pola restitución do dano ambiental causado, incluída a retirada dos vagóns do dominio público hidráulico", indica.