Adif abre pistas entre castiñeiros protexidos nas obras do AVE en Laza

Imaxe: Sociedade Galega de Historia Natural
A Sociedade Galega de Historia Natural alerta de que a ampliación da superficie dos traballos en 260.000 m2 ''non ten xustificación'', e exixen perante o Goberno español a paralización inmediata pola vía da urxencia. O LIC 'río Támega' e un castiñeiro catalogado como Árbore Senlleira están afectados

As obras do Ave en Laza están a arrasar un souto centenario no lugar de Cercedelo, nunha zona que non está incluída na declaración de impacto ambiental da obra e que constitúe "parte do escaso patrimonio de bosques que aínda perviven" nesta zona do Macizo Central ourensán. Por conseguinte, a Sociedade Galega de Historia Natural --SGHN-- vén de solicitar a paralización cautelar inmediata pola vía da urxencia para estes traballos, e fíxoo perante a Subdelegación do Goberno español en Ourense, o ministerio de Fomento --dirección xeral de Ferrocarrís-- e o ministerio de Medio Ambiente --secretario de Estado de Medio Ambiente--.

Así as cousas, a entidade científica explica na demanda que a apertura de pistas iniciada hai uns días non está prevista e "non ten xustificación técnica" afectando, porén, uns 2.000 castiñeiros e ao redor de 3.000 exemplares de árbores de ribeira nas marxes do río Támega, declarado LIC --Lugar de Interese Comunitario-- e que merece, polo tanto, protección medioambiental. Informan desde a SGHN de que a superficie afectada nun treito de 2,3 quilómetros era de 190.000 metros cadrados, que contan con avaliación de impacto ambiental e foron expropiados. Mais houbo unha ampliación adicional, até os 450.000 metros cadrados, para abrir pistas de acceso e colocar escombreiras en lugares non previstos inicialmente.

"Faltaron ao respecto á legalidade vixente a pesar de que as obras se financian con cartos de Europa, que exixe exquisitez na formulación dos investimentos", quéixanse desde a SGHN. Na zona afectada hai castiñeiros, nogueiras, freixos, amieiros, bidueiros e outras especies "de vital importancia" para o cauce dos ríos de montaña incluídos no LIC río Támega, cuxo nacemento está tamén na zona afectada. Alén disto, as novas pistas están a se construír nos arredores do Castiñeiro de Cerdedelo, con maiúsculos porque en outubro de 2011 pasou a facer parte do Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta.

O colectivo ambiental arremete contra o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias --Adif--, responsábel das obras, por valoraren o metro cadrado de superficie de castiñeiros en produción a 1,40€. Tildan de "burla" tal retribución, e culpan o ente da desaparición de máis de 2.000 árbores cunha producción promedio de 200 quilos/ano, fundamentais na economía dos lugares da contorna. "Os danos á paixase e ao medio ambiente xa nin se valoran".