A UE quere rematar co cambio de hora en 2021

O adianto de hora reabre o debate sobre o fuso horario

Dúas horas de diferenza co horario solar

Se non hai novas mudanzas, o desta noite foi o penúltimo adianto horario no continente. O Parlamento Europeo ten aprobado un informe da eurodeputada Marita Ulvskog no que se fixa un calendario para rematar co cambio de hora e que cada Estado membro opte definitivamente por un dos dous horarios actuais "da forma máis coordinada posíbel", En calquera caso, o devandito informe marca 2021 como data límite. 

Aínda que hai unha data fixada, o certo é que a convulsión política que vive Europa e a inminencia dos propios comicios na UE (26 de maio) convidan a pensar que o límite de 2021 para rematar cos cambios horarios non ten por que ser definitiva. No caso concreto de Galiza, que é territorio do Estado cun maior desfase horario, o feito de optar por un ou outro non resolvería o problema de desincronización a respecto do horario natural. 

O astrónomo Martin Pawley sinala que "en Galiza vivimos moi desfasados do horario solar; co horario de inverno, hai practicamente unha hora e media de desfase tendo en conta que o mediodía solar -o momento no que o Sol está máis alto- a nós cáenos arredor das 13:30 horas pasadas. Pero é que a partir de mañá nos vai caer unha hora máis tarde, co que temos dúas horas e trinta minutos de diferenza", explica a Sermos Galiza. "Somos", prosegue, "un dos territorios do mundo que ten máis desfase en termos de horario solar e horario civil: erguémonos máis de noite ca o resto dos españois e deitámonos máis de día". 

Esta circunstancia, que no debate sobre o cambio de hora e o fuso semella non ten o peso que debera, está xa o suficientemente estudada pola comunidade científica. "As persoas expertas en cronobioloxía", apunta Pawley, "aconsellan como norma xeral o achegamento o máximo posíbel ao horario solar, que no caso europeo pasaría por adoptar como permanente o horario de inverno, como solución mínima, aínda que os galegos quedariamos aínda desfasados, pero mellor iso que nada". Para o membro da Agrupación Astronómica Ío, "o idóneo para os galegos e galegas é a adopción do horario de inverno, combinado isto un cambio de fuso horario". 

"Hai que asumir que vivimos no planeta no que vivimos e no lugar do planeta que nos toca", insiste. "É unha obviedade, pero fagamos o que fagamos o que non vai mudar nunca é que no verán imos ter até quince horas de luz e no inverno nove", polo que, engade, "a idea de desprazar o reloxo non ten sentido. Cando temos que gañar horas de luz é polas mañás, pois é o lóxico desde o punto de vista fisiolóxico, para a nosa saúde física e mental. Pegar saltos nesas mudanzas para supostamente adaptarnos a horarios máis beneficiosos non se sabe moi ben para que é un disparate". 

Sobre os prazos marcados pola Unión Europea, Pawley asegura que "estamos nunha confusión absoluta, coa posibilidade de que cada Estado faga o que lle pete", aínda que, para el, "o desexábel é que calquera decisión que se tome se fundamente en criterios científicos e analice as cuestións prioritarias, que para min son os efectos sobre a saúde". 

FUSO HORARIO

Rematar cos chimpos horarios é un dos elementos do binomio para resolver o desfase horario de Galiza. O outro é o cambio de fuso. "Non é cuestión de que nos corresponda ou non un fuso horario determinado, pois esta división non deixa de ser unha arbitrariedade humana. A cuestión é asumir a conveniencia de que a xente viva o máis pegada posíbel ao horario solar. E iso no caso galego aconsella claramente cambiar de fuso horario, como mínimo un".

Con todo, Pawley é consciente de que esta mudanza "ten unha connotación política máis ca outra cousa. Vai permitir España que unha parte do seu territorio peninsular teña un fuso horario diferente nun momento de exaltación bandeiril como o que vivimos?", pregúntase.