Mimosas en xaneiro: abren antes?

Mimosas en xaneiro. (Foto: Arxina)
Os cambios meteorolóxicos non son a única evidencia de que o clima muda. As plantas e o seu ciclo anual son outro sinal que indica que a alteración das especies está en marcha. Malia non contar con moitos estudos de ámbito galego sobre o tema, Nós Diario quixo saber a opinión do mundo científico sobre os factores que indican un aumento de especies invasoras, como son as mimosas, en detrimento das autóctonas.

Estes días é moi común observar como floreceron algunhas plantas que, outros anos, anunciaban a chegada do bo tempo. Unha das máis visíbeis está a ser a mimosa (Acacia dealbata), unha especie vexetal invasora que se introduciu no Estado español a principios do século XIX e que entrou na Galiza o século pasado coa chegada do camiño de ferro e como elemento ornamental. 

Florece mellor en climas de verán longos e calorosos e a súa tolerancia máxima ao frío impide a súa proliferación en zonas de temperaturas inferiores aos 0°C. Faltan estudos de ámbito galego que relacionen este comportamento coas consecuencias do denominado cambio climático mais si se pode contar con algún achegamento científico. 

Faltan estudos en profundidade na Galiza

Para o profesor da Universidade da Coruña Jaime Fagundez, sería necesario avaliar os períodos de floración na Galiza "sabendo que hai xa traballos a nivel global". Neles constátase, como explica a Nós Diario, que "están aumentando os períodos de floración das especies que mesmo causan alteracións na interacción con outras especies, por exemplo cos polinizadores". 

En relación ás invasoras na Galiza, as investigacións actuais afirman que "poden favorecer algunhas e prexudicar outras". Nun estudo publicado en 2018 no que participou a nivel estatal, constatouse que os escenarios de maiores emisións eran tamén os máis altos de especies exóticas invasoras. 

Outro factor importante para Fagundez, pouco estudado a nivel galego, son "as pragas, a mortalidade de árbores nas áreas de clima moderado". O clima húmido e os ambientes ácidos do país facilitarían o nitróxeno atmosférico, "un problema que pode influír e degradar os nosos ecosistemas máis singulares que son normalmente pobres", apunta este científico. 

Porén, afirma que se constata a presenza deste tipo de especies invasoras en territorios de maior altitude "pola menor actividade das xeadas, algo que facilita a súa colonización". Pon como exemplo a cortadeira ou herba da Pampa (Cortaderia selloana) que "reside na franxa costeira e con dificultade supera zonas de altitude maior aos 400 metros e que agora xa se detectou a máis de 800". 

Cambios nos ecosistemas

O biólogo especializado en xestión de ecosistemas terrestres Tonio Nogueira traballou en investigación de especies invasoras arbóreas e é vogal da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) indica a Nós Diario que "o efecto sobre as plantas non é só consecuencia do cambio climático". Fala de "emerxencia ambiental global" para o que está acontecendo na Galiza e noutros países. "Hai que sumar a destrución de hábitat, o espallamento de especies invasoras desprazando as autóctonas e unha contaminación masiva", asegura.  

Esta situación provoca, segundo o científico, "unha perda masiva de biodiversidade moi rápida con efectos exponenciais nas últimas décadas". Bota man do estudo realizado pola Xunta da Galiza de Cambio Climático 2012 e 2015 no que se recoñecen os cambios de temperatura nos vindeiros anos e o aumento das precipitacións torrenciais e dos períodos de seca, para lembrar que "estas circunstancias afectarían moitas especies". En concreto, no informe sinálase que están en perigo de extinción 67 especies, "aínda que só estudan 26, algo incomprensíbel", opina Nogueira.

Pon como exemplo o desprazamento das algas actuais de augas frías por outras de augas máis cálidas, "unha situación que provocará grandes danos económicos no sector pesqueiro e marisqueiro galego". Tamén podería provocar un desprazamento das especies vexetais terrestres autóctonas que "serían substituídas por outras procedentes da meseta ou mesmo polas acacias".