Os centros de atención a vítimas de violencia sexual 24h terán que agardar un ano máis

A ministra de Igualdade en funcións, Irene Montero, esta segunda feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Os 52 espazos de crise deberán estar operativos antes de 2025.

O Ministerio de Igualdade e os Gobernos das autonomías aprobaron esta segunda feira, 6 de novembro, na Conferencia Sectorial de Igualdade a ampliación dun ano máis para a execución da creación de servizos de atención integral 24 horas a vítimas de violencia sexual. Polo tanto, a iniciativa da posta en marcha dos 52 centros (polo menos un por provincia) terá de tempo até o 31 de decembro de 2024.

Estes comités de crise debían estar operativos antes de finalizar o ano 2023, pero a Comisión Europea aprobou unha prórroga para ampliar o prazo até decembro de 2024, xa que a maioría de comunidades non tiñan listos estes centros. 

De momento, abriron as portas o centro de crise 24 horas de Cantabria. Madrid e Asturias xa tiñan un e, proximamente, está previsto que tamén se poñan en funcionamento os de Nafarroa e Aragón, entre outros. 

Fontes de Igualdade sinalaron que preferirían que os centros estivesen operativos este ano, pero afirmaron que "houbo problemas de subministro, transportes e carestía" debido á inflación que "xustificaron" que as autonomías pediran "en cadea" esta prórroga

A vítima, no centro

Os centros de atención a vítimas de violencia sexual 24 horas atenderán mulleres maiores de 16 anos vítimas e superviventes de violencia sexual, tanto se a violencia se produciu de maneira recente, como no pasado. Para acceder a eles, non será necesaria a interposición dunha denuncia e o enfoque estará centrado na vítima e supervivente. 

O traballo nos 52 centros que abrirán antes de 2025 deberá adaptarse ás demandas, tempos e necesidades das vítimas e as persoas profesionais do centro terán formación especializada en xénero, interseccionalidade, dereitos humanos, violencia contra as mulleres, violencias sexuais, trauma, crises e emerxencia.