A fin da Cidade dos Muchachos

Cidade dos muchachos [Imaxe OurenseDixital]

Os terreos de Benposta, que noutrora acolleran un espazo de democracia durante o franquismo e un proxecto emancipador, serán mercados por unha empresa de transportes. 

Unha poxa porá fin á Cidade dos Muchachos, en Benposta (Seixalbo). O terreo que acolleu o proxecto, nado en 1956 da man do pai Silva, será subastado e --se nada muda-- a beneficiaria será unha empresa de transportes, a única candidata. 

Os predios serán subastados existindo até o de agora unha única oferta por parte dunha empresa de transportes

Após máis dunha década con problemas, en poucos días darase carpetazo a unha parte da historia do país que, aos poucos, foi caendo no esquecemento. Nomeadamente entre as xeracións máis novas. Un proxecto emancipador e democratizador en pleno franquismo que xermolou a poucos quilómetros de Ourense. A Cidade dos Muchachos acolleu xeracións de crianzas que, por problemas económicos, as súas familias preferían que ficasen lá acollidos polo pai Silva. 

Ensino crítico e democracia

Nos terreos tiñan educación, aloxamento, formación profesional arredor dun proxecto baseado na independencia dos poderes públicos, a horizonalidade, a equidade e o asemblearismo. Unha nova forma de vida construída entre os pavillóns que aínda se sosteñen en Benposta onde habitan na actualidade 16 persoas e da que as crianzas eran o eixo central. 

A cidade chegou a acoller por volta de 50 mil crianzas durante a súa existencia

O obxectivo do pai Silva era educar persoas libres, críticas que loitasen pola xustiza social. Para iso, as crianzas participaban directamente no funcionamento da cidade implicadas mesmo no seu goberno pois calquera delas podía exercer a alcaldía ou facer parte da xunta de goberno após os procesos electorais que se organizaban para a súa escolla. 

Para recadar diñeiro e financiar o proxecto ao que cada vez foron chegando máis crianzas --por ela pasaron por volta de 50 mil-- o pai Silva ideou un plan que remataría por ser o elemento central da cidade e tamén o seu símbolo a nivel internacional. O Circo dos Muchachos unha compañía que acadou recoñecemento internacional chegando a actuar en París e Xapón entre outros moitos lugares do globo. 

Cesión e venda de terreo

Porén, na década dos '80 a cidade foi indo a menos. A falta de liquidez apretaba e o pai Silva decidiu asinar, en 1985, un convenio co goberno galego polo que se cedía 63.500 metros cadrados de predio a cambio da construción de vivendas sociais, segundo sostivo o propio crego sempre, que no entanto nunca chegaron a se edificar. En troca, tentaron erguer un campo de fútbol no marco do proxecto denominado 'Ourense cara ao novo milenio' mais que a presión popular acabou por frear. 

Sospeitas de especulación e divisións internas comezaron a minar un proxecto que xa ía a menos

En 2006 foi vendida outra parte do terreo, 39.000 metros cadrados que remataron en mans dun empresario de Ferrol. Nese intre, a Fundación Benposta foi denunciada por unha escisión da mesma, Aibem (Asociación Internacional Benposteña) por suposta especulación. 

A saída do pai Silva

A partir de aí todo iría costa abaixo. En 2004 Silva vaise da cidade falecendo en 2011 por mor dun derrame cerebral que o mantería encamado durante os últimos anos da súa vida. Os conflitos entre os dous colectivos xurdidos na cidade pola xestión e herdo da mesma serían o comezo do fin dun proxecto que alumeou o xurdimento doutros moitos polo mundo adiante (Bogotá, Villavicencio, Montería y La Guajira (Colombia), La Guaira e Maracaibo (Venezuela), Managua (Nicaragua), Manaus (Santo Domingo), Mozambique e Bruxelas). Aliás, recibiría un importante recoñecemento internacional como o A Medalla da Paz das Nacións Unidas ou a Medalla das Amizades do Circo de Franza. 

Malia que nos últimos anos Benposta acolleu outras iniciativas como o Festival Reperkusión o certo é que, se nada o impide a última hora, en poucos días dará o seu último adeus.