Compostela

Adeus aos fogos do Apóstolo no Obradoiro após 450 anos de tradición

(Concello de Compostela)

Os fogos das Festas do Apóstolo de Compostela, unha tradición que cada ano reúne miles de persoas procedentes de toda Galiza, deixarán de ser na Praza do Obradoiro, onde se viñan celebrando "desde hai 450 anos", ante o risco existente para a Catedral e o patrimonio.

Así o avanzou esta segunda feira o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que deixa claro que no Obradoiro seguirá o espectáculo de luces e son, mais os fogos pasarán a botarse desde outra localización, estudándose lugares como o parque de Belvís ou a Alameda.

Respecto diso, o rexedor recoñece que é unha decisión "complicada", pero "non é posíbel mantelos", xa que os tradicionais Fogos do Apóstolo no Obradoiro non son "compatíbeis" co respecto ao patrimonio e á propia Catedral, que se atopa nun amplo proceso de obras de restauración.

Respecto da problemática producida polos fogos nesta praza, explica que o último ano producíronse danos por valor de 700.000 euros nos teitos do Pazo de Raxoi -onde se atopa o Concello compostelán-, que deben ser reparados.

E é que en 2019 houbo 366 quilos de pirotecnia e máis de 6.000 efectos de disparos. Un espectáculo nas festas grandes da capital galega seguido cada ano por miles de persoas.

Nesta liña, a concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, defende que decisións similares se tomaron noutras cidades, mesmo con tradicións máis antigas, por respecto ao patrimonio.