Máis

Adentrarse en Sobrado

Mosteiro de Santa María (Sobrado, Terra de Melide), moi vinculado ao mundo cisterciense. (Foto: Nós Diario)
Tesouros patrimoniais nun dos 'teitos' da Galiza.

Transitar pola Terra de Melide merece estar cos ollos ben abertos para atopar en calquera momento algo fascinante. E non se trata do queixo ou dos arandos, que tamén, se non de lugares cunha gran riqueza patrimonial cultural e natural como a vila de Sobrado. Esta fermosa poboación central da Galiza conta co Mosteiro Cisterciense de Santa María, que sobresaíu na zona desde súa aparición.

Para moitas persoas, especialmente peregrinos, exercía de punto de referencia no horizonte. Este feito derivou na imaxinativa idea dun 'faiado que teñen os monxes', que propiciou o actual nome da vila. Toponimia á parte, esta antiga xoia arquitectónica ten a súa orixe no século X, no ano 952, aínda que até douscentos anos máis tarde foi, coa chegada da Orde do Císter, cando comezou a cobrar maior importancia o mosteiro.

Despois de moitos altibaixos históricos, as desamortizacións decimonónicas provocaron un abandono das instalacións e a florescencia do pasado tornábase en escuras estancias e apousentos baleiros. Hai unhas décadas, en 1966, a actividade relixiosa volveu coa Orde Cisterciense da Estrita Observancia até os nosos días.

Estes monxes son os encargados de dar novos usos aos antigos muros como hospedar persoas que fan o Camiño de Santiago ou a elaboración de produtos como o doce de leite. Para facer unha visita, hai quendas de mañá e de tarde para percorrer os seus claustros, a súa igrexa e a Casa das Audiencias. No seu interior, pódense encontrar distintos estilos arquitectónicos mesturados entre arte cisterciense, gótica, renacentista e barroca.

Otero Pedraio afirmou que a cociña do mosteiro é "a máis fermosa da Galiza" e a igrexa é considerada un bo exemplo de naturalismo barroco. Non hai que esquecer a beleza das capelas de San Xoán e do Rosario, expoñente da arte renacentista galega.

Perto, atópase a Lagoa de Sobrado, de orixe artificial feita polos monxes, que acumula a auga dos regos que desaugan nos primeiros compases do río Tambre, e moi perto tamén, fai súa aparición o río Mandeo.