Adela Otero, produtora: “Se estou onde estou é porque tiven moito apoio de moitas persoas, entre elas as miñas avoas”

Adela Otero é unha produtora galega emerxente que acaba de sacar á luz o seu primeiro proxecto profesional, AVOA producións. Adela, cunha ampla bagaxe laboral no eido do sector audiovisual, ten moi clara as orixes do seu proxecto, as súas motivacións e, sobre todo, a onde espera chegar co seu proxecto. Ademais, analiza de xeito crítico cal é o panorama actual do sector audiovisual na Galiza e que apoio recibe un dos sectores máis punteiros do noso país por parte das institucións públicas.
 

Acaba de facer público o seu primeiro proxecto profesional, AVOA producións. 
Nos últimos dous anos, tiven a sorte de poder traballar activamente en diferentes proxectos audiovisuais. Durante unha gran parte dese tempo, a miña familia e as miñas amizades pedíronme moitas veces que ensinara todo o que fago e lle puxera un nome a todo o meu traballo. A miña idea é seguir facendo o que fixen estes dous anos, pero xa de xeito profesional.

Quero levar a cabo proxectos audiovisuais de diferentes temáticas e ámbitos, tanto proxectos persoais como por contratación, que é no que estou agora mesmo. O meu obxectivo é facer aquilo que máis me gusta e da maneira que mellor o sei facer.

Que significados recolle o nome de AVOA producións?
Ten un duplo sentido para min. Por unha parte está o tema das letras que posúe a palabra avoa. As iniciais do meu nome tamén conteñen esas tres mesmas letras: o A de Adela, o O de Otero e o V de Vázquez. Por outra, o factor máis importante e que lle dá sentido a todo é que eu sempre tiven como referentes as miñas avoas, ás que por sorte aínda teño. Son mulleres fortes, moi valentes e traballadoras. Son as dúas persoas que teño de exemplo na vida.

Se estou hoxe en día onde estou é en parte porque tiven moito apoio de moitas persoas, entre elas as miñas avoas. Elas son as matriarcas da miña familia. Teño unha sensibilidade profesional coa xente maior, sobre todo mulleres que pola sociedade na que lles tocou vivir nunca tiveron a oportunidade de ter voz.

Cando comezou a interesarse polo mundo da comunicación e a produción audiovisual?
Cando era pequena, eu tiña claro que quería estudar dereito e ser avogada. Co paso dos anos, cando a escola me levou a ter que tomar decisións sobre materias e así, decateime de que realmente non era o meu. Tiña unha compañeira que é maior ca min que xa estaba a estudar a carreira de Comunicación Audiovisual e eu vía o que estaba a facer e tiña claro que eu quería ser coma ela.

Foi en terceiro e cuarto da ESO cando comecei a ter claro que quería dedicarme a algo relacionado coas artes. Xa en bacharelato tiven un mestre que me marcou na miña vida e que me ensinou gran parte das cousas que sei agora. El foi quen insistiu en que me decantase polo audiovisual.

Que lle gustaría que lle deparase o seu futuro profesional?
Non o sei, a verdade. Gustaríame que este proxecto que comezo agora medrase o suficiente para que eu estea satisfeita, pero sempre desenvolvendo proxectos e ideas que a min me gusten.

Quero estar o suficientemente tranquila como para facer as obras que eu queira e que me enchan como persoa. Tampouco quero pedir moito. Gustaríame estar como agora pero un pouco máis. E quero traballar na Galiza. Se todo vai ben, non quero marchar de aquí, porque son moi feliz.

Pensa que o sector audiovisual galego conta co apoio e protección suficientes por parte das institucións? 
Penso que non. Obviamente depende do ámbito do que se fala, máis digo que non porque moitas veces é inviábel levar a cabo obras audiovisuais cos orzamentos tan baixos como se ofertan normalmente. Hai unha gran parte do mercado audiovisual galego actual que se fundamenta en subvencións e apoios particulares, porque é a única maneira que atopa para financiarse.

É moi difícil facer obras cando esas axudas son inferiores ao custo da propia obra. A veces as directoras e produtoras teñen que reducir a calidade das pezas deseñadas para poder adecuarse ao orzamento co que contan. Pero o apoio insuficiente non é só monetario. Tamén de falta de espazos públicos nos que expoñer o traballo.