Adega ve na Lei de beneficios sociais un "lavado de cara" a eólicas e pasteiras

(Foto: Antonio Ayuso).
Os ecoloxistas cren que a proposta da Xunta favorece a 'depredación'.

A Xunta da Galiza impulsou este ano o anteproxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais do territorio galego. Unha lei, aseguraba o presidente galego,. Alfonso Rueda, que é "pioneira" e garante que a sociedade galega se beneficie daqueles proxectos que exploten recursos na Galiza. 

Unha lectura moi diferente desa proposta do Goberno galego é a que se fai desde o ambientalismo e a defensa do territorio. Para Adega, por exemplo, estanos ante "outra norma para lavar a cara ao lobby eólico, mineiro e pasteiro". E así o denunciou onte a través dun comunicado.

"Esta lei ómnibus deseñada para o "greenwashing" de enerxéticas, mineiras e pasteiras, pretende compensar á sociedade polos danos ambientais destes proxectos mais o que consegue é adicarlles máis cartos públicos e criar máis inseguridade xurídica", indica a asociación ecoloxista.

Para Adega, esta norma non contempla a creación de empresas públicas con obxectivos de beneficio social para competir coas promotoras privadas na explotación dos recursos naturais, "senón que xeneraliza unha caste de subvención encuberta ao inxectar cartos públicos en corporacións privadas pola vía da participación da Xunta (obrigatoriamente minoritaria) no accionariado".

Para Adega, a Xunta pretende, por exemplo, "colleitar financiamento privado para os proxectos de recuperación ambiental de zonas queimadas creando un fondo: poderemos ver a ENCE achegando cartos para recuperar os montes queimados que eles mesmos seguirán a inzar de especies pirófilas..."