Adega traballa para que os concellos insubmisos con Sogama viren cara á compostaxe

[Imaxes: Adega]

A organización ecoloxista realizou o 12 de xaneiro a súa asemblea nº38 estabelecendo a xestión de residuos como temática central da súa actividade. Conversamos coa súa presidenta, Virxinia Rodríguez.


Traballar o tratamento dos residuos desde unha dupla vertente. Dunha banda, demandar dos concellos que se declararon insubmisos contra o canon de Sogama que non o rexeiten "unicamente por unha motivación económica" senón que "reflexionen" sobre a importancia dun cambio de modelo na xestión do lixo. Ese modelo sería descentralizado e pasaría pola compostaxe. E da outra banda, "convencer de que os particulares podemos facer moitas cousas".

Este será o eixo central das campañas que neste ano porá en marcha Adega e explícanolo a súa presidenta, Virxinia Rodríguez. Eis onde toma sentido o premio Osíxeno que lle foi entregado ao alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, na asemblea nº38 que a organización celebrou o 11 de xaneiro. "O seu cambio de rexistro foi moi diferente" do manifestado polo resto de municipios insubmisos con Sogama. "É certo que o tiña máis doado porque Rianxo fica perto de Lousame --planta de tratamento-- mais el tivo a valentía de dicir que o modelo de Sogama non lle valía" e adheriuse á mancomunidade do Barbanza, apostando na compostaxe. 

Fortalecemento interno e defensa do territorio

Para alén da xestión dos residuos, Adega decidiu seguir adiante coas liñas estratéxicas en que veu traballando nos últimos anos. "Necesitamos afortalar a organización porque temos un traballo moi activo que non se ve reflexado nin no incremento do número de socios nin na súa participación", describe Rodríguez. A anulación do plano sectorial de Barreiros por parte do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ao considerar probado que a Xunta incorrera nunha "desviación de poder" serve á presidenta de Adega como exemplo do que a asociación entende por "defensa do territorio". Para alén das cuestións urbanísticas, a defensa dos ríos e das rías ou o traballo en prol dunha minaría sustentábel tamén se inclúen nesta liña estratéxica. 

"Non estamos en contra da minaría; co que non concordamos é coas formas". A lei de minas do PP permite "usurpar" a Rede Natura, patrimonio cultural e etnográfico, terreo público e mesmo privado en nome diso que a Xunta chama 'interese xeral'. "Aproveitan a crise e as zonas con pouca poboación e envellecida para empregar como argumento a creación de emprego, mais non vale todo. As empresas estranxeiras están a colonizar o País e as explotacións mineiras ocupan case todo o territorio galego". 

Outro dos premios Osíxeno foi para o presidente da Asociación pola Defensa da Rïa, Antón Masa. Adega sumouse deste xeito á denuncia "da usurpación de terreo público" e do informe da UE "que diluíu a problemática ambiental das nosas rías por razóns políticas". 

Educación ambiental, comunicación e sinerxias

Outra das liñas estratéxicas de Adega é a educación ambiental como "ferramenta política" co obxectivo de conseguir a implicación dos concellos para avanzar na compostaxe caseira e comunitaria. "A través dela reducen o volume de residuos que envían a Sogama e, en consecuencia, aforran", explica Virxinia Rodríguez. 

Mellorar a comunicación e estabelecer sinerxias con outros colectivos ecoloxistas completan o repaso polas liñas estratéxicas. "As reivindicacións ecoloxistas moitas veces fican diluídas noutras reivindicacións máis amplas e por iso é necesario que, na medida do posíbel, teñamos unha única voz", di Rodríguez. E acrecenta que "estamos perante unha crise ambiental e temos dificultade para facer entender esta problemática" pois a cidadanía só responde "en momentos puntuais" como as mobilizacións de ContraMINAcción e Nunca Máis. 

A importancia do rural e a importancia das mulleres

Moitas das medidas que Adega promove son prácticas habituais no rural da Galiza. Un exemplo: a compostaxe. Fíxose sempre. Quen tiña animais dáballes as sobras da comida e o que non comían os animais ía á esterqueira. "Agora colocamos unha caixa para que boten alí os residuos, pero a práctica é a mesma: xestionan os seus residuos", subliña Virxinia Rodríguez. 

Con todo, os plásticos si que supoñen un problema no rural. "Os plásticos dos silos non reciben o tratamento que deberan e o uso de fitosanitarios é tamén un problema", explica. Adega aposta "nun medio rural vivo mais digno, con calidade de vida e con servizos públicos" e Rodríguez destaca a importancia das prácticas sustentábeis do rural para o medio: "hoxe virxes só temos os acantilados".

Destaca tamén a visión do ecofeminismo como "fundamental" e afirma que a constitución da Raínha Lupa, en Quilmas, Carnota, para evitar que Stolt Sea Farm ampliase unha piscifactoría "é un exemplo de custodia do territorio que toda Galiza debera coñecer". Por que? Porque cando as institucións non funcionan, cando as declaracións de espazos protexidos ou parques naturais non é posíbel, poñer en uso unha terra e vivir dela "é a mellor solución que existe".