Adega rexistra na Xunta máis de 1.400 solicitudes de arquivo do expediente de concesión de augas do río Ulla para Altri

Representantes de ante o rexistro da Xunta este 30 de maio. (Foto: Arxina)
A entidade ecoloxista lembra que hai un ano que venceu a data límite legal para resolver o expediente de tramitación da concesión de augas do río Ulla para a macrocelulosa de Altri.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, presentou esta sexta feira no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza un total de 1.416 solicitudes de arquivo do expediente de tramitación da concesión de augas do río Ulla para a macrocelulosa que Altri quer construír en Palas de Rei (A Ulloa) por incumprir os prazos legais de resolución.

Este "rexistro masivo", en palabras de Adega, tivo lugar o día no que se fai un ano desde a data límite legal —30 de maio de 2024— na que Augas de Galiza debera ter arquivado o expediente de solicitude de concesión de Altri por ter excedido o prazo máximo de resolución, entendéndose desestimada.

Malia a ter transcorridos os 18 meses de prazo máximo que fixa o regulamento de dominio público hidráulico para resolver os expedientes de concesión, Augas de Galiza "persiste en manter en trámite o procedemento administrativo derivado da solicitude de Altri para a captación de 46.000 metros cúbicos/día de auga do río Ulla con destino ao uso industrial na macrocelulosa de Palas de Rei".

As "irregularidades na tramitación da concesión de augas", afirma Adega provocaron unha manchea de críticas e provocaron como resposta que centos de persoas, colectivos e entidades subscribisen nos últimos meses a solicitude de arquivo do expediente de augas impulsada por Adega.

Ao acto público onte de rexistro das solicitudes tamén acudiron representantes dalgunhas das entidades que colaboraron na recompilación dos escritos dirixidos a Augas de Galiza, como a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), da CIG, e dos Grupos Vivos organizados en torno á defensa do Ulla nas localidades de Compostela e comarca, Santiso (Terra de Melide), Agolada (O Deza), Palas de Rei (A Ulloa), Arzúa (comarca homónima) entre outros, aos que Adega dirixiu un agradecemento expreso que fixo extensíbel a todas as persoas que participaron nesta campaña de sinaturas.

Camiño dos xulgados

A concesión de augas é un dos trámites administrativos que aínda fican por resolver por parte da Xunta da Galiza para autorizar a pasteira na Ulloa, e ten unha especial importancia para o proxecto. O outorgamento da concesión de augas é imprescindíbel para que o proxecto de Greenfiber sexa viábel xa que "sen auga, non hai celulosa", explica Adega, lembrando que a auga é un elemento esencial no proceso industrial de fabricación de pasta de papel.

Dada a relevancia que a concesión de augas ten para a Altri, Adega e a Plataforma na Defensa da Ría de Arousa (PDRA) rexistraron hai dúas semanas un recurso de alzada contra a desestimación por silencio administrativo de Augas de Galiza da solicitude de arquivo do expediente. O recurso de alzada é o paso previo á interposición de recurso contencioso-administrativo contra Augas da Galiza no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que se fará efectivo en caso de que a Xunta non acceda a arquivar o expediente de augas nos próximos dous meses.