Adega reúne "en tempo récord" o apoio necesario para emprender a defensa xurídica contra Altri
A cidadanía galega contribuíu en menos de 20 días cos pouco máis de 39.000 euros que porán en marcha a loita xudicial contra Altri. Foi nun "tempo récord", segundo recoñece a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, impulsora da campaña de recadación solidaria "Xustiza para o Ulla" para a defensa xurídica do río Ulla e da ría de Arousa fronte ao proxecto de macrocelulosa de Altri na comarca da Ulloa e da reapertura da mina de Touro-O Pino (comarca de Arzúa).
En 19 días a asociación ecoloxista xuntou os 39.100 euros que fixara como obxectivo económico para iniciar as primeiras accións e que cuxo prazo límite de recadación remataba o 28 de xuño.
Primeiros pasos
Os fondos recadados a través deste primeiro reto solidario, sinala Adega nun comunicado, permitiranlle a asociación ecoloxista comezar a loita xudicial contra a industria de celulosa que prevén implantar Altri e Greenalia en Palas de Rei. En concreto, "a organización xa está en disposición de poder afrontar con suficientes garantías técnicas, xurídicas e económicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG)".
O primeiro, detalla, refírese á impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán, e o segundo, ao recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise.
Este, din desde Adega, é o paso inicial dunha "longa e inevitábel contenda xudicial contra a Xunta da Galiza e o proxecto de Altri, perante un Goberno galego que está disposto a sacrificar sectores socioeconómicos estratéxicos para o país, como a agricultura ou a pesca, e os valores ambientais, culturais e sociais vinculados ao río Ulla e á ría de Arousa, con tal de favorecer os intereses privados das promotoras amigas Altri e Greenalia".
Pa ra a entidade ecoloxista, o éxito da campaña de doazóns "Xustiza para o Ulla", á que contribuíron varios centos de persoas e colectivos, "demostra unha vez máis o masivo rexeitamento da cidadanía galega a este proxecto altamente contaminante e depredador co territorio".
Novos retos de recadación contra Altri
Unha vez superado o primeiro reto da campaña "Xustiza para o Ulla", Adega fecha temporalmente a campaña específica de recadación solidaria para dotar de fondos a contenda xurídica contra a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, até que non se anuncien ou produzan novas resolucións administrativas que favorezan ao proxecto e que xustifiquen a presentación de novos recursos nos xulgados.
Así, informa a asociación, Adega activará novos retos de recadación á medida que se vaian outorgando as sucesivas autorizacións ou permisos de explotación por parta da Xunta, xa que alén da Autorización Ambiental Integrada (AAI), a factoría de celulosa aínda carece da concesión de Augas da Galiza para poder captar auga do encoro de Portodemouros ou da autorización administrativa de explotación, entre outras.
Xunto coa presentación dos correspondentes recursos contencioso-administrativos, Adega requirirá a suspensión cautelar da efectividade destas autorizacións. Ademais, os fondos recadados procuran dar cobertura tamén á elaboración dos preceptivos informes técnicos periciais.
Tamén contra a mina de Touro
A campaña de recadación solidaria lanzada por Adega o pasado 28 de marzo ten vocación de permanencia, polo que seguirá vixente mentres a celulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino manteñan "a súa vontade de instalarse a carón da bacía do Ulla e acaden o apoio das administracións públicas".
Neste sentido, malia a ter conseguido o seu primeiro obxectivo específico, o micromecenado "Xustiza para o Ulla" mantén activa a súa liña de recadación xeral ou fondo común, que agora mesmo alcanza perto dos 5.000 euros, explican, "e que non está adscrito a ningunha acción xurídica en particular, senón ao obxectivo xeral da campaña, de maneira que as doazóns que se fagan ao fondo común servirán para completar aqueles obxectivos económicos mínimos non acadados en prazo tanto na campaña contra Altri coma na campaña contra o proxecto da mina de Touro-O Pino".
A organización lembra que as persoas e entidades que fagan doazóns a esta campaña poderán obter beneficios fiscais que, no caso das persoas físicas, poden acadar até un 80% na súa declaración do IRPF.