Adega recorre a absolución das persoas acusadas no 'caso Barreiros'

Pide ao tribunal que declare a nulidade da sentenza, “por erro manifesto na apreciación da proba e por infracción do ordenamento xurídico”.

Adega recurríu a sentenza do xulgado nº 2 do penal da Audiencia de Lugo que absolveu o alcalde de Barreiros, concelleiros do grupo de goberno e arquitecta municipal dos delitos de prevaricación urbanística dos que foron acusados polo ministerio fiscal e a acusación particular exercida por esta asociación ambientalista.

 

Considera Adega que o xulgado “non apreciou correctamente a proba de que as licenzas presuntamente ilegais foron concedidas para un solo que non reunía a cualificación urbanística precisa”. Sobre este particular, explica, o xulgado dirime unha cuestión técnica -a categoría do solo- dando máis valor aos informes dos peritos das persoas acusadas que aos técnicos da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística). 

 

Entende ademais que o tribunal tampouco valora a insuficiencia dos subministros (abastecemento eléctrico, auga e sumidoiros) nin a entidade das obras complementares necesarias para adquisición da consideración de solar, sendo este precisamente o requisito esixido pola Lei para que as parcelas poidan ser edificábeis. 
 

Entre outras observacións, Adega sinala que a sentenza non ten en consideración actuacións que trascenden a mera ilegalidade administrativa “para entrar no terreo do ilícito penal, como son a reiterada consideración das plantas baixo cuberta como ático así como as autorizacións das piscinas e zonas recreativas baixo a consideración de obras menores”.


“Tendo en conta estas consideracións e outras de carácter xurídico que recolle o noso escrito de recurso, Adega solicita ao tribunal que declare a nulidade da sentenza nº 52/2019, por erro manifesto na apreciación da proba e por infracción do ordenamento xurídico, ditando outra resolución axustada a dereito”.