Adega recoñece as boas e malas prácticas ambientais cos premios Osíxeno e Dioxina

Premiados cos galardóns Osíxeno 2019 de Adega
Elvira Cienfuegos, Manuel García e Senda Nova foron galardoados co premio Oxíxeno polo seu labor na defensa do medio. Pola contra, Ánxel Bernardo Tahoces e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levaron o Dioxina, que denuncia a peor actuación en materia ambiental e patrimonial.

A asociación ecoloxista Adega entregou na noite de onte os premios Osíxeno e Dioxina, na que esta suma a edición número 19 duns galardóns que pretender subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista. O acto tivo lugar durante a Cea de Confraternización da 44ª Asemblea Xeral da entidade, no Hostal Río Sil de Carballo.

Osíxeno, o bo facer

O premio Osíxeno de Honra, concedido como recoñecemento da traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio do país, recaeu desta volta en Elvira Cienfuegos, catedrática de Ciencias Naturais, bióloga, docente, política e ex secretaria xeral da propia Adega

Pola súa banda, os premios Osíxeno 2019 galardoan as mellores actitudes ou actuacións ambientais do ano. Na categoría individual salientouse o labor de Manuel García, un dos fundadores do Movemento Ecoloxista da Limia e da plataforma Auga Limpa Xa!, ademais de pioneiro na produción e comercialización de horta ecolóxica na Galiza. A organización fixo fincapé na súa acción durante 2019 a prol da defensa ambiental da comarca da Limia fronte á contaminación de terras e mananciais procedente da industria cárnica intensiva, así como á loita por un modelo agrogandeiro máis sustentábel. Actualmente, Coren ameaza con reclamarlle máis de 1 millóns de euros por presuntas "difamacións" contra a empresa.

No apartado colectivo, Adega outorgou o galardón á Asociación Ambiental Senda Nova, para poñer en valor o seu traballo durante 2019 e na última década a prol da educación ambiental nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes. Así, converteuse nun referente na zona no que atende á organización de actividades de interpretación da Natureza.

Dioxina, as malas prácticas

Porén, Adega tamén sinala, cun claro afán reivindicativo, aquelas a persoas e colectivos que teñen protagonizado as accións ou actitudes do ano máis nefastas para o medio ambiente galego.

Así, o premio Dioxina individual foi, por unanimidade, para ao actual Director Xeral Enerxía e Minas, Ánxel Bernardo Tahoces. As principais razóns son ter avalado a "autorización de proxectos altamente agresivos co medio natural (co rural e co mar) e con forte oposición social como a mina de Touro-O Pino, o parque eólico Serra do Iribio ou a mina de San Finx (Lousame)". A causa desta última, continúa, de facto, imputado por presunta prevaricación ambiental. Ao mesmo tempo, Tahoces foi un dos principais promotores da coñecida como "Lei de Depredación", deseñada para reducir o control público de actuacións agresivas como minas e instalacións enerxéticas.

Na categoría colectiva, pola súa banda, Adega denunciou o desleixo dos responsábeis da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A súa actitude pasiva fronte aos ataques da industria forestal ou mineira (Castro de Trinidade, Cova Eirós, Camiño de Santiago...) fan que para a organización ecoloxista semelle "actuar máis como un servizo forense que certifica as desfeitas do noso acervo arqueolóxico e histórico que como o organismo responsábel de velar pola súa conservación e recuperación".