Adega reclama salvar os valados en pedra seca

Valado ao carón da praia de Caldbarcos, en Carnota (Foto: Ramsés Pérez).
Os fechamentos de pedra son un microhábitat para aves e insectos, mais están a desaparecer.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), xunto coa Universidade da Coruña (UDC), realizará mañá unha xornada no Monte da Fraga (A Coruña) para coñecer o patrimonio cultural e ambiental galego que representan os valados en pedra seca.

Este elemento paisaxístico está declarado Patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola Unesco e, ademais de ter grande importancia etnográfica, é fundamental para a conservación da biodiversidade. 

O responsábel da actividade, Ramsés Pérez, explica a Nós Diario que o obxectivo é facer unha chamada de atención sobre os “beneficios ecosistémicos que achegan ao medio”.

Segundo este experto, os valados “non deixan de ser un microhábitat máis para as aves e os insectos para acubillarse e, no caso de especies da fauna non miúda, para buscar as súas presas”. Pon como exemplo o carrizo (Troglodytes troglodytes), un paxaro que se alimenta buscando entre as pedras dos valados. 

A elección do Monte da Fraga vén como consecuencia da recuperación dun espazo natural caracterizado polas súas árbores autóctonas que conta cun valado no linde que se tentará recuperar. "Tal e como está situado poderán empregalo especies como os lagartos", apunta Pérez. 

Valados en perigo

Ramsés Pérez sinala que estes elementos foron desaparecendo co tempo. “Só hai que ver imaxes dos anos 50 e ver as de agora. Semella que esteamos noutro país”.

Ademais, cre que, en parte, é consecuencia da “imaxe negativa” que tivo o minifundio e a tendencia actual a industrializar a agricultura con procesos de concentración parcelaria “que se levaron por diante multitude de valados e mudaron a paisaxe por outra que non é a tradicional galega”.

Esta realidade contrasta coas actuacións que veñen realizando desde Adega “con proxectos de recuperación destes elementos da paisaxe”. 

Alén da importancia que ten para a fauna, os valados “serven de retención de augas e mais de cortaventos”, explica Ramsés Pérez a este xornal. En consonancia, estes beneficios desaparecen cando xa non están, “moitas veces pola invasión forestal dos eucaliptos”.

Por último, unha das causas da súa desaparición é o abandono do rural por parte da poboación. “Ao non manterse por non realizar a función para o que foron construídos rematan por desaparecer co tempo”, explica.