Adega reclama a aprobación inmediata do Plan de recuperación do oso pardo na Galiza

Oso pardo no Invernadeiro.

O Proxecto e o bosquexo de decreto "levan gardados nun caixón desde o ano 2013".

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) valora como unha "excelente nova" a presenza de oso pardo rexistrada en pleno Parque Natural do Invernadeiro.

Adega agarda agora que a Xunta "confirme" o alcance de toda esa información e solicita á Consellería de Medio Ambiente que "verifique as imaxes e dispoña medidas para a protección e seguimento científico da especie".

"A noticia é moi relevante para a biodiversidade galega, dado que o oso é unha especie catalogada En Perigo de Extinción, tanto a nivel galego como estatal. Ademais aparece nunha área montañosa afastada daquelas declaradas como área de presenza, área de protección prioritaria, e incluso área potencial no documento previo do Plan de recuperación do oso na Galiza, o que nos indica que podería ser conveniente a ampliación das zonas oseiras galegas a serras anteriormente non contempladas, tal e como no seu día xa foi alegado por Adega", explican as ecoloxistas.

Evidencias que "non deixan alternativa"

A este descubrimento hai que engadir tamén a constancia da presenza dalgún exemplar na contorna de Trevinca hai poucas semanas, o que para Adega "pon en evidencia a necesaria e urxente aprobación do Plan de recuperación do oso pardo na Galiza, que xa en 2013 contaba con todos os informes técnicos, científicos e administrativos, e un bosquexo de Decreto para ser aprobado".

"Transcorridos sete anos, e á vista das novas observacións e das efectuadas en anos anteriores en lugares fóra de lugares previamente considerados como zonas oseiras, faise urxente contar cun Plan co que iniciar a recuperación e protección da especie, do mesmo xeito que xa están facendo outras Comunidades Autónomas da Cordilleira Cantábrica e incluso nas montañas de Zamora e Norte de Portugal", engaden.

Para Adega, a demora durante tantos anos dun Plan galego de recuperación do oso "non pode escudarse no feito de non coñecer aínda as conclusións da investigación do Proxecto Life Oso Courel, iniciado no ano 2017, e a desenvolver ata decembro de 2020".

"Desde ADEGA reclamamos ao Goberno galego que aprobe de inmediato o Decreto do Plan de Recuperación, fundamental e inescusable se existe intención real por parte da administración de recuperar a poboación de osos na Galiza", conclúe a organización ecoloxista.