Adega presenta unha denuncia ante a Fiscalía Ambiental pola contaminación nas Somozas e a actuación da Xunta

Instalacións de Sogarisa, nas Somozas (Foto: Sogarisa)
Nunha recente xuntanza coa Fiscal Delegada de Medio Ambiente e Incendios do TSXG, Carmen Eiró Bouza, Adega trasladoulle un informe sobre os numerosos episodios de contaminación provocados pola actividade das empresas localizadas no polígono industrial das Somozas nos últimos 10 anos.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de presentar unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para que investigue os posíbeis danos á saúde e ao ambiente derivados das actividades empresas nas Somozas así como as actuacións da Xunta da Galiza.

Nunha recente xuntanza coa Fiscal Delegada de Medio Ambiente e Incendios do TSXG, Carmen Eiró Bouza, Adega trasladoulle un informe sobre os numerosos episodios de contaminación provocados pola actividade das empresas do polígono industrial das Somozas nos últimos 10 anos.

Destes datos pódese concluír, segundo Adega que “as actividades das instalacións radicadas neste polo de residuos son unha continua fonte de vertidos e emisións que poñen en risco a saúde ambiental e cidadá”. Aliás, indican que “as actuacións das Administracións tanto galega como local, desistindo das súas funcións de seguimento e control, contribuíron mediante o desleixo e a permisividade a converter As Somozas nun perigoso foco de contaminación, auténtico 'buraco negro' da xestión dos refugallos industriais na Galiza”.

Así, Adega cursou unha solicitude de información á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para coñecer os resultados dos controis periódicos realizados pola Administración en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada concedida a Sogarisa (empresa concesionaria do centro de tratamento de residuos industriais da Galiza).

“Nunha primeira comunicación a Xunta respondeu que o cumprimento da solicitude demoraría máis dun mes dada a complexidade e o volume do material solicitado. Finalmente recibimos resposta denegando o acceso a información por “interferir nun procedemento xudicial actualmente aberto” e porque entregala poría en risco a "confidencialidade de datos de carácter comercial e industrial". Ante esta denegación de acceso á información Adega acudiu en amparo á Comisión de Transparencia estando pendente a súa resolución.

"Actitude opaca"

A información denegada a Adega forma parte do expediente de AAI (Autorización Ambiental Integrada) dentro do programa de verificación do cumprimento das condicións impostas á empresa para o desenvolvemento da súa actividade. O procedemento de tramitación (nova concesión, modificación ou renovación) da AAI é público, e neste en concreto Adega participou no período de alegacións.

O resultado dos controis ambientais de verificación efectuados pola Xunta en aplicación da AAI deben ser tamén públicos á marxe de seren usados nun eventual procedemento xudicial. E polo que atinxe á información de carácter comercial, os limiares e cantidades así como procedementos de verificación cuxos resultados foron solicitados por Adega forman parte dos condicionados da AAI, e non están suxeitos a propiedade industrial ou intelectual algunha.